O Concello de Soutomaior logrou restaurar en menos de 24 horas a escultura 'O camiño das estrelas', obra do artista local Bernardo Seoane, tras sufrir un acto vandálico durante este luns 10 de setembro pola mañá.
A peza, situada ao final do paseo marítimo de Arcade, xunto á ponte romana de Ponte Sampaio, apareceu cercenada da súa base e tirada ao carón.
Veciños da zona alertaron ao goberno local do suceso ao mediodía.
O alcalde Manu Lourenzo, ao ter coñecemento dos feitos, xestionou o proceso de restauración, segundo informan desde o Concello de Soutomaior.
A escultura foi reparada na mesma tarde do luns, permitindo ao rexedor anunciar nas súas redes sociais que a obra xa "loce en todo seu esplendor".
Esta obra, cedida ao concello por Bernardo Seoane, foi presentada ao público o pasado mes de abril, nun acto que incluíu a proxección dun documental sobre a vida e obra do artista, realizado polo documentalista Breikus.
Lamentablemente, Seoane faleceu pouco despois debido a unha enfermidade.
Manu Lourenzo expresou a súa incomprensión ante o acto vandálico, destacando a relevancia do traballo artístico de Bernardo Seoane para Soutomaior.
"Non se pode entender o Soutomaior de hoxe sen ter presente a importancia de Bernardo para a nosa cultura popular. Milleiros de veciños e veciñas de Soutomaior e de Ponte Sampaio temos desfrutado coas súas esculturas ao paso pola ponte", afirmou o alcalde.