Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, denunciou públicamente este luns a visita de Juan Carlos I a Sanxenxo.
Nun acto de protesta celebrado no porto deportivo de Sanxenxo, a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, declarou que "rexeitamos a visita de Juan Carlos I, o rei fuxido, ao noso país".
Nunha comparecencia manifestaron o seu "profundo rexeitamento a que esta visita quede impune e pase coa complicidade do goberno do Estado, de PSOE e Unidas Podemos e tamén co beneplácito do Partido Popular".
Gómez engadiu que todos os sucesos que rodean a figura do rei emérito "non fan máis que demostrar que a monarquía española é unha institución corrupta que atenta directamente contra os valores democráticos do noso pobo".
A nacionalista referiuse na súa intervención ao "réxime anacrónico e perpetuador da dependencia da nosa nación do Estado español, que representa a monarquía".
A secretaria xeral de Galiza Nova rematou sinalando que "Galiza non ten rei".
"Rexeitamos a monarquía por ser un réxime inxusto, que fai prevalecer os privilexios por nacemento dunha familia e que perpetúa a idea centralista e imperialista do Estado español" expresou Marta Gónez, que asegura que Galiza Nova ten claro que "a única vía para acadar os nosos dereitos e poder desenvolver plenamente os nosos dereitos de vida é traballar pola conquista dunha república galega".