O Concello de Poio recibiu este sábado no salón de plenos os familiares dos bebés nados nos últimos meses e empadroados no municipio.
A todos eles o alcalde Ángel Moldes entregou unha 'caixa de benvida', un pequeno agasallo con produtos infantís para os coidados da primeira etapa que supoñen "un pequeno símbolo para demostrarlles que cada un deles xa son importantes para o noso concello", asegurou o rexedor.
Foi unha homenaxe sentida a 37 bebés, novos veciños de Poio, como son Leo, Hugo, Karol, Samuel, Manuela, Liam, Lara, María, Ibraim, Ignacio, Adara, Darío, Logan Elías, Lucca Ezzequiel, Sofía, Elisa, Leah, Lúa, Enzo, Sergio, Milena, Lucas, Xoana, Carmen, Mateo, Óliver, Martín, Martiño, Blanca, Denzel, Aray, Líam, Xoel, Óliver, Uxía, Thiago e Amira.
"A responsabilidade de todos é traballar para darlles as oportunidades que merecen", afirmou Moldes defendendo que "somos moitas as persoas que eliximos Poio para crear o noso proxecto de vida, para establecernos, para formar a nosa familia. Por iso estamos empeñados e traballando para convertelo nun lugar cómodo para nacer, para crecer, para vivir... Queremos que sexa un concello con oportunidades, dinámico e con servizos de calidade".