Activismo no Culturgal a favor do carballo de Santa Margarida

Pontevedra
26 de novembro 2022

No stand do Concello de Pontevedra en Culturgal, alumnado e profesorado do IES Luis Seoane animan a votar pola candidatura do carballo de Santa Margarida a "Árbore do Ano 2023"

Campaña do IES Luis Seoane fomentando o voto polo carballo de Santa Margarida
Campaña do IES Luis Seoane fomentando o voto polo carballo de Santa Margarida / Mónica Patxot

O carballo de Santa Margarida é unha das nove árbores do Estado español que compiten por representar a España na elección da Árbore Europea do Ano 2023.

As votacións están abertas a toda a cidadanía ata o vindeiro 10 de decembro na web https://www.arbolybosquedelaño.es/votar-arbol-y-bosque-del-ano-en-espana-2023/

No momento de redactar esta información, o carballo de Santa Margarida atópase no quinto lugar en votos. Os impulsores da iniciativa están a detectar que moitas persos están a exercer o voto de xeito incorrecto. Importante: hai que votar á árbore e, un pouco máis abaixo na web, tamén a un bosque. A continuación, confirmar o voto pulsando na mensaxe de confirmación que chegará ao correo electrónico que indicaramos.

Toda esta información está a facilitala un grupo de alumnado e profesorado do IES Luis Seoane no stand que o Concello de Pontevedra ten na feira Culturgal, xunto á entrada ao Recinto Feiral. Estarán toda a fin de semana en varias quendas informando de como realizar o voto, que só pode ser de xeito telemático. Para iso, contan co apoio dun código QR co que poderán guiar os pasos de calquera persoa que queira votar no momento, só precisa ter o seu teléfono móbil a man.

Na xornada de apertura de Culturgal, este venres 25, atopabamos a Andrea, Jailane e Pedro, alumnado da FP básica do IES Luís Seoane, e ás profesoras Mercedes Vázquez e María Xosé Dourado.

María Xosé, quen tamén é a vicedirectora do centro, explica que esta acción para animar ao voto polo carballo de Santa Margarida é unha parte dun proxecto máis amplo. "Estamos no stand do Concello de Pontevedra, convidados por eles para presentar un proxecto que nós chamamos Escrita con zumeque ten dúas vertentes. Unha é a elaboración de tinta cos bugallos do carballo de Santa Margarida, e máis a creación dun viveiro coas landras do propio carballo para ter descendentes".

De feito, nos encontros e intercambios que fan os membros da comunidade educativa están a espallar descendentes do carballo de Santa Margarida, como foi o caso do recente encontro de escolas da Unesco na localidade vasca de Zumaia, a onde levaron cinco exemplares. "Isto forma parte dun mapa onde se rexistra onde están os fillos, xa que o carballo non ten descendentes porque ten chapapote e non agroma, que nós saibamos", laméntase a profesora.

Este proxecto leva dous anos desenvolvéndose no centro educativo ubicado en Monteporreiro. Foi a partir dun primeiro contacto coa Asociación Cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida Robus Robur (AC Robus Robur), a impulsora da candidatura a "Árbol del año en España" deste exemplar senlleiro. A Asociación contactou co IES Luis Seoane para expoñerlle se había algunha posibilidade de "facer visible o estado en que estaba o carballo". A partir de aí, María Xosé relata que "como temos un club de ciencia e somos escola asociada da Unesco, traballamos pola sustentabilidade e o patrimonio natural" puxéronse mans a obra co proxecto.

Escrita con zume parte dun proceso de investigación sobre o carballo que continúa polo desenvolvemento dunha tinta especial e unha caligrafía que reproduce referencias de orixinais que se atopan nos mosteiros de Samos e de Poio e que aprenderon grazas á mestra calígrafa María Sancho, que formou tanto ao alumnado como ao profesorado.

Este amplo proxecto esperan culminalo coa elección do carballo de Santa Margarida como árbore do ano e a transformación das follas do mesmo en follas de papel coas que poder inscribir a caligrafía feita coa tinta dos seus propios froitos.

Ademais da presenza en Culturgal ata o domingo 27, durante axornada deste sábado, de 11:30 a 19:00 horas, estarán na Praza da Ferrería facendo un retrato colectivo do carballo de Santa Margarida entre membros da asociación AC Robus Robur e do IES Luís Seone e aberto á participación de toda a cidadanía. De feito, entre todos os participantes, sortearase un retrato da árbore creado e cedido polo artista pontevedrés Rafa Prieto, un dos primeiros artistas en sumarse a este evento.