Actividades sobre igualdade na Lama para rachar coa violencia de xénero

A Lama
22 de novembro 2024

A programación na Lama con motivo do 25N incluirá obradoiros, un contacontos e unha exposición de libros que fomentan valores igualitarios

O alcalde da Lama (2º pola esq.) e persoal do CIM presentan as actividades polo 25N
O alcalde da Lama (2º pola esq.) e persoal do CIM presentan as actividades polo 25N / Concello da Lama

Con motivo do 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra a muller, o Concello da Lama organizou diversas actividades que se centran na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero.

O programa, impulsado polo Centro de Información á Muller (CIM), diríxese especialmente ao alumnado de Educación Primaria.

Un dos actos previstos será a lectura dun manifesto que terá lugar o luns 25 ás 13 horas no salón de plenos do Concello.

Paralelamente, no CEIP da Lama desenvolveranse varios obradoiros educativos destinados a sensibilizar aos nenos e nenas sobre a importancia da igualdade de xénero.

Este programa incluirá seis horas de formación impartidas por profesionais especializados, cun enfoque participativo que facilitará a comprensión dos conceptos de roles de xénero, machismo, sexismo, feminismo ou corresponsabilidade, entre outros.

O xoves 28 de novembro, a biblioteca do colexio da Lama acollerá un contacontos titulado "Peques e heroas", que será presentado pola monologuista Manuela Varela. Esta actividade ten como fin visibilizar e eliminar os roles sexistas, fomentando así unha sociedade máis igualitaria.

Ademais, a biblioteca municipal terá á disposición do público a colección de libros da "Maleta Viaxeira", que poderá ser consultada ata o inicio de 2025, contribuíndo á difusión de valores de igualdade entre todos os veciños e veciñas.