Actividades en Marín polo Día Mundial da Actividade Física

Marín
01 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O vindeiro 6 de abril celébrase o Día Mundial da Actividade Física, en Marín conmemórase esta data con dúas actividades: unha andaina polas praias e unha formación para saber usar os parques biosaludables que hai no municipio

Responsables do Centro de Saúde de Marín coa alcaldesa María Ramallo
Responsables do Centro de Saúde de Marín coa alcaldesa María Ramallo / Concello de Marín

Sen prevención e coidados, non hai saúde. Por iso, desde os distintos departamentos do Centro de Saúde de Marín entenden como algo esencial promover hábitos de vida para as persoas, ofrecendo información e recursos á cidadanía para que coide o máis prezado que ten: a súa vida. 

Para visibilizar todo o traballo feito ata agora, reuníronse este mediodía representantes dos servizos de Odontoloxía, Fisioterapia, Nutrición, Matrona e Enfermería Comunitaria coa alcaldesa, María Ramallo. 

Un encontro que serviu para facer un balance do que foi o 2023 e para promocionar todo o que virá ao longo do 2024, como por exemplo as dúas actividades que se organizarán con motivo do Día Mundial da Actividade Física, que se celebra o 6 de abril. 

A primera delas será unha andaina saudable pola ruta das praias, que será o próximo 5 de abril ás 11.00 horas, con saída desde a porta do Centro de Saúde. 

A próxima semana, os días 9 e 10 de abril, ofrecerase un obradoiro teórico-práctico para aprender a usar os parques biosaudables que están en distintos puntos do concello e que son unha opción moi boa para realizar rutinas de exercicios cos que manter a forma física, combinando a actividade aeróbica coa de forza. Serán na Unidade de Fisioterapia do Centro de Saúde e será preciso inscribirse previamente no mostrador do centro. Formación en hábitos e nutrición saudables.

Durante todo o 2023, foi intensa a programación do Centro de Saúde para promocionar hábitos saudables e empoderar á veciñanza no coidado da súa saúde antes de que apareza a enfermidade. Foi nese contexto no que naceu o grupo de Medicina e atención comunitaria, que procura acadar os obxectivos do Plan Local de Saúde. 

Desde o departamento de Fisioterapia, leváronse a cabo charlas nos centros educativos para a prevención da dor de costas entre os escolares. Ademais, de forma multidisciplinar, o ano pasado impulsouse durante todo o mes de abril un programa con caminatas semanais, recomendacións de descansos activos para o persoal sanitario, charlas para toda a cidadanía centradas especialmente na importancia do exercicio na xente maior… O Nadal tamén foi un momento no que manter eses hábitos non sedentarios, coa andaina navideña celebrada o 21 de decembro. 

En canto a charlas relacionadas coa nutrición, foron moitos os paus temáticos que se trataron: a importancia do exercicio físico para a saúde e o control do peso, fronte á importancia que tradicionalmente se lle deu ás calorías; a diferencia entre alimentarse e nutrirse, as claves para ler o etiquetado nutricional ou para facer unha compra económica e saudable; as alertas contra as novas falsas sobre alimentación ou a visión integral de enfermidades complexas, como por exemplo a osteoporosis, foron algunhas das cuestións abordadas. 

Ademais, estanse a realizar charlas sobre sexualidade nos centros educativos para fomentar hábitos saudables na conducta sexual da mocidade. O obxectivo, tal e como se expuxo este mediodía na reunión, é seguir camiñando nesta liña, apostando por unha saúde integral, na que o coidado e os hábitos de vida son o piar fundamental da prevención, apostando por unha sociedade que acende a alerta antes de que a enfermidade faga a súa aparición, procurando sociedades máis sanas, máis lonxevas e con máis calidade de vida.