En Marín xa está todo preparado para que den comezo os actos polo Día da Muller, que se conmemora o vindeiro 8 de marzo.
Na vila marinense arrancarán a partir do 1 de marzo para visibilizar este mes como o referente para a loita da igualdade da muller e o seu recoñecemento equitativo na sociedade.
As concelleiras Marián Sanmartín e Mónica Viqueira, xunto con parte das responsables do CIM, presentaron este venres a viñeta conmemorativa de cada ano, que se lle adica ao colectivo homenaxeado desta vez: as mulleres farmacéuticas.
Serán precisamente as mulleres marinenses que a día de hoxe rexentan algunha farmacia na vila as protagonistas durante o acto institucional que organiza o Concello ese día.
A autora do deseño foi a ilustradora galega Xulia Pisón, que reivindica e destaca o papel punteiro da muller en todo o que ten que ver coa industria e a innovación farmacéutica, desde a súa labor como boticarias ata o rol de investigadoras, pasando polo de formuladoras, estudantes, empresarias...
A progamación oficial dará comezo o primeiro día do mes da man de Opromar, que organiza ás 10:00 horas na Alameda a xornada de pintura 'Mulleres do mar, inspiradoras de arte' da man da ilustradora viguesa Abi Castillo.
O luns 4 de marzo, ás 19:30 horas, inaugurarase no vestíbulo do Concello de Marín a exposición 'As mulleres na profesión farmacéutica. Pasado, presente e futuro', con material tradicional e fotos antigas, cedidas polas oficinas de farmacia de Marín, destacando o papel da muller nestes establecementos. Contará coa actuación da Escola Municipal de Música e estará exposta ata o 15 de marzo.
O xoves 7 de marzo, ás 11:00 horas será o reparto das tradicionais tazas coa impresión da viñeta na Praza de Abastos e ás 12:00 horas, o Museo Municipal Manuel Torres exporá os traballos da xornada do luns e entregará os premios aos mellores.
Xa o 8 de marzo, venres, celebrarase ás 12:00 horas o acto institucional e, pola tarde, ás 19:00 horas, a Finca de Briz acollerá unha actividade lúdica pero chea de compromiso: un scape room pola igualdade denominado 'Estrelas. Unha experiencia de escapismo onde as mulleres máis apaixonantes da historia son as protagonistas'.
Esta última actividade está dirixida a toda a cidadanía, especialmente familias e mocidade, que poderá participar en equipos de entre 4 e 6 persoas. O prazo de inscrición abrirase o 26 de febreiro e estará dispoñible ata o 7 de marzo en info@territorio-comanche.com. As persoas que queiran participar deberán indicar nome de equipo e nome, apelidos e idade dos seus integrantes.
As xornadas continuarán co colectivo de Céltica Marín Arte e Cultura, que fará unha exposición de obras de mulleres retratadas en distintos ámbitos polos bares de Marín; a realización na Praza 8 de Marzo doutra xornada de pintura en vivo coa profesora Patricia Otero; e a celebración da gala do Premio Emprender en Feminino, organizada polo Diario de Pontevedra, coa colaboración do Concello e do Plan Social de Ence.
OS CENTROS EDUCATIVOS TAMÉN SE SUMAN
A maiores, ao longo deste mes se realizarán diversas actividades de concienciación, visibilización e promoción da igualdade nos centros educativos da vila. En Infantil e Primaria, haberá unha actividade de difusión da historia e legado de Manuela Barreiro, primeira muller matriculada na USC (1896) e primeira licenciada en Farmacia (1900).
No caso de Secundaria, entregarán de material de sensibilización, consistente en calendarios escolares con mulleres referentes na ciencia e un xogo da Oca con esta temática, e para cuarto da ESO e Bacharelato, darán charlas impartidas polo vogal de docencia do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Pepe Fornos.