Actívase o teléfono de información do Concello para as axudas a ordenadores

Pontevedra
22 de febreiro 2021

A Concellaría de Promoción da Cidade, que dirixe Anabel Gulías, encargada da xestión do Plan Supera na cidade activa este luns o teléfono de contacto para obter máis información sobre as primeiras axudas que vén de presentar o Concello: as axudas para material informático (ordenadores) para escolares de Primaria a Bacharelato.

Nenos facendo os deberes co ordenador
Nenos facendo os deberes co ordenador /

A Concellaría de Promoción da Cidade, que dirixe Anabel Gulías, encargada da xestión do Plan Supera na cidade activa este luns o teléfono de contacto para obter máis información sobre as primeiras axudas que vén de presentar o Concello: as axudas para material informático (ordenadores) para escolares de Primaria a Bacharelato. O número de teléfono é: 681264835 e estará operativo de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres.

A liña de axudas a ordenadores pretende paliar "a fenda dixital” entre o alumnado que puxo de manifesto o uso de plataformas dixitais por parte dos centros educativos, que se viron abocados a buscar alternativas ás aulas presenciais con motivo da irrupción da pandemia.

A partida destinada a estas axudas ten un orzamento de 400.000 euros e a contía máxima da axuda será de 400 euros por ordenador. Subvencionarase a compra de ordenadores portátiles ou de sobremesa adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021, e o anticipo da axuda será do 100%.

As beneficiarias serán as familias empadroadas en Pontevedra con fillos menores de18 anos matriculadas no curso 2020-21 en centros de ensino público e o criterio económico terá en conta o número de membros da unidade familiar e a renda da familia, utilizando como elemento ponderador o salario mínimo interprofesional. 

Bonificaranse as familias monoparentais, as mulleres vítimas de violencia machista e os grandes dependentes.

As axudas ao soporte informático están dentro dunha das liñas de actuación do Plan Supera, é dicir, o plan de reactivación económica do Concello para combater os efectos desta pandemia da Covid.