Actívase a alerta laranxa nas Rías Baixas ante a previsión de temperaturas por riba dos 35 graos

Pontevedra
31 de xullo 2022

A Xunta indica que este episodio de calor comezará previsiblemente ás 13,00 horas deste domingo 31 de xullo nas zonas do Miño de Ourense e de Pontevedra, así como na das Rías Baixas. Desde a administración autonómica lembran á cidadanía a necesidade de extremar as precaucións sobre todo entre a poboación máis vulnerable

Sol na Lanzada
Sol na Lanzada / Juan Mejuto

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta de Galicia activa para este domingo 31 de xullo a alerta laranxa debido ás altas temperaturas que se esperan nas provincias de Pontevedra e Ourense.

Segundo a información que manexan na administración autonómica procedente da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico cuxo inicio está previsto para as 13.00 horas nas zonas do Miño de Ourense e de Pontevedra, pero tamén afectará a toda a zona das Rías Baixas, na provincia pontevedresa.

Desde a Xunta, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informouse desta situación aos concellos das provincias afectadas e aos diferentes colectivos como servizos provinciais e agrupacións de voluntariado de Protección Civil, entre outros, para adoptar medidas oportunas que garantan a seguridade das persoas e dos bens.

Recomendan extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, menores, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de poboación que realice traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

Aconséllase limitar a exposición ao sol, manter unha boa ventilación e prestar atención aos cambios de temperatura. É necesario manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. Desde a Xunta lémbrase que nunca se debe deixar a nenos pequenos ou persoas maiores no interior de vehículos pechados.

A información meteorolóxica con ligazóns de interese pódese consultar a través da páxina web do 112 Galicia. Segundo o servizo de Meteogalicia, para este domingo agárdanse nas Rías Baixas temperaturas máximas que superarán os 36 graos. Mantense a influencia das altas presións cun fortalecemento da circulación do vento do nordés e a entrada de aire moi cálido.