Faino por Palleiros. Ese é o nome da campaña solidaria que se lanzou en Pontevedra co obxectivo de recadar fondos cos que financiar a actividade da protectora da cidade, responsable da canceira municipal situada en Campañó.
A protectora, segundo os impulsores desta campaña, a firma Glu Glu Pet, necesita diñeiro para a compra de novas casetas para os seus cans e outros produtos de primeira necesidade.
Aínda que se lanza nestas datas, esta iniciativa non se limitará ao período do Nadal, senón que se estenderá ata que se reúna a cantidade de diñeiro suficiente para sufragar todo ese material.
Os que queiran colaborar coa campaña poden facelo a través da tenda de Glu Glu Pet, no número 5 da rúa Benito Corbal, ou a través de internet.
Desde Os Palleiros agradecen todas estas doazóns para tratar de que sexa posible adquirir os produtos que necesitan, especialmente as casetas para os animais.