Activan un teléfono para a atención psicolóxica das familias durante a crise do coronavirus

Pontevedra
28 de marzo 2020

Á fronte deste servizo da Fundación Meniños estará un equipo profesional conformado por un psicólogo, unha traballadora social e unha educadora social. Atenderán á cidadanía no número de teléfono 678 75 49 33 de luns a domingo, en horario de 10:00 a 14:00 horas

Unha muller utilizando un teléfono móbil
Unha muller utilizando un teléfono móbil / Jan Vašek / Pixabay

Ofrecer atención psicolóxica e social, acompañamento, información e mediación en conflitos ou problemas que poidan ter as familias pontevedresas durante o estado de alarma. Ese é o obxectivo da nova liña telefónica específica que a Fundación Meniños, coa colaboración do Concello de Pontevedra, acaba de activar na cidade.

Á fronte deste servizo estará un equipo profesional conformado por un psicólogo, unha traballadora social e unha educadora social. Atenderán á cidadanía no número de teléfono 678 75 49 33 de luns a domingo, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Os expertos de Meniños, que tamén colaboran na atención da liña telefónica que o Concello activou para a atención de persoas maiores, pretenden orientar esta asistencia psicolóxica e social a resolver diferentes tipos de conflitos que se poidan agudizar coa actual situación.

Así, abordarán sobre todo discusións froito da convivencia con adolescentes, problemas nas relacións de parella ou o incremento da sensación de illamento de persoas que viven soas.

O psicólogo da fundación, Roberto Antón, explica que a través deste servizo tamén se darán pautas para que as familias con nenos pequenos coñezan os recursos dos que dispoñen para encher o seu tempo libre.

"Os profesionais que traballamos en Meniños somos expertos en terapia familiar, polo que podemos mediar e buscar solucións para as familias que se atopen en situacións de conflitividade", engade este profesional.

A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, considera que, á marxe do "lóxico" incremento das sensacións de estrés e ansiedade polo confinamento, "é imprescindible volcarnos coas familias máis vulnerables e con aquelas nas que existen problemas de convivencia cos fillos ou coas parellas e que corren o risco de verse agravados nesta situación".