Activan un plan para "afianzar" a Sanxenxo como un destino orientado ao turismo familiar e deportivo

Sanxenxo
27 de xullo 2020

Sanxenxo vén de ser declarado como o primeiro municipio galego que será territorio de preferente actuación turística. A través desta figura as administracións impulsarán un plan de actuación integral con recursos económicos para mellorar os seus equipamentos turísticos e ordenar a súa actividade nesta materia

Acto de declaración de Sanxenxo como territorio de preferente actuación turística
Acto de declaración de Sanxenxo como territorio de preferente actuación turística / Xunta de Galicia

O "modelo de éxito" que, segundo a Xunta de Galicia, logrou Sanxenxo en materia turística verase reforzado cun plan integral que se poñerá en marcha para desestacionalizar a súa oferta e enfocar o destino cara un turismo familiar e deportivo.

Así o destacou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, coincidindo coa declaración formal de Sanxenxo como o primeiro municipio galego que será territorio de preferente actuación turística de Galicia.

Esta declaración, que é unha figura que recolle a actual Lei de Turismo de Galicia, non se desenvolveu ata o de agora ante os "elevados" criterios que os concellos deben cumprir para poder solicitala. De feito, Sanxenxo iniciou estes trámites en setembro de 2019.

A través desta figura as administracións impulsarán un plan de actuación integral que contará con recursos económicos para mellorar os seus equipamentos turísticos e ordenar a súa actividade nesta materia.

No caso concreto de Sanxenxo, segundo explicou Rodríguez, o obxectivo é "afianzar" un modelo turístico "sostible e ordenado", grazas a recursos como as súas praias, portos deportivos, talasos e spas, campos de golf ou a "pegada xacobea" do Roteiro do Mar de Arousa.

A declaración como territorio de especial actuación turística supoñerá, engadiu o conselleiro, "máis seguridade xurídica" para Sanxenxo e a posta en marcha de máis ferramentas que permitan que esta vila sexa "un lugar mellor para visitar e tamén para vivir".

Neste sentido, o responsable de Turismo no goberno galego destacou que o "principal reto" de Sanxenxo será "fortalecer o seu papel" como destino familiar e ser un "lugar para visitar" fóra da tempada alta estival.

Para iso, a Xunta de Galicia colaborará co Concello de Sanxenxo no impulso do turismo deportivo, axudando a crear unha rede de itinerarios en augas abertas que combinen turismo, deporte e medio ambiente.

Tamén se crearán sendeitos saudables a través da organización de eventos deportivos e accións para o goce das familias e apoiarase á administración municipal nas necesidades de limpeza, seguridade ou mellora de accesos ás praias.

"En momentos difíciles como os que estamos a vivir é fundamental seguir avanzando na sustentabilidade do noso destino tendo moi en conta que a colaboración entre administracións é agora máis importante que nunca", defendeu Román Rodríguez.

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asegurou que esta declaración "é a mellor noticia que podiamos ter", xa que permitirá que o municipio "se siga consolidando" como o primeiro destino turístico do noroeste peninsular.

Tras recoñecer que este ano está a ser "moi difícil" para a actividade turística de Sanxenxo, Martín subliñou o esforzo "sen precedentes" realizado polo goberno municipal, que investiu 1,6 millóns de euros no reforzo do persoal e a posta a punto das praias.