Activan o protocolo de violencia de xénero para protexer unha muller agredida pola súa ex-parella

Pontevedra
17 de novembro 2024
Actualizado: 12:02

A muller, menor de 30 anos e cun fillo de tres ao seu cargo, chamou á Policía Local na madrugada do xoves día 14 tras sufrir unha agresión. O home foi detido horas despois

Vehículo da Policía Local de Pontevedra
Vehículo da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra activou o pasado xoves 14 de novembro o protocolo de violencia de xénero para protexer unha muller que acababa de ser vítima dunha agresión.

A muller, menor de 30 anos, foi a que chamou á policía ao redor das 1.30 horas da madrugada explicando que acababa de ser agredida e que se atopaba pechada nunha habitación xunto ao seu fillo de 3 anos idade para evitar que a volvese a golpear.

Unha patrulla acudiu ao domiclio. O home, dous anos maior, pai do seu fillo e que fora a súa parella durante cinco anos, xa non se atopaba alí.

Segundo o relato dos axentes a muller atopábase moi nerviosa e chorando. Queixábase ademais de dor na cara, no costado, nas mans e nas pernas, e estaba mantendo unha vídeochamada con outras persoas.

A victima explicou entón que unha semana antes decidira pór fin á relación e marcharse co seu fillo da casa debido aos constantes malos tratos, aínda que até ese momento non denunciara a situación.

No que respecta ao día da agresión, a muller estaba a realizar unha vídeochamada mentres a súa ex-parella estaba co fillo común de ambos os dous falando mal da nai. Nese momento a vítima recriminoulle as palabras e desencadeouse entón a agresión golpeándoa na cara e pisándoa.

Tras tentar defenderse a muller puido refuxiarse co neno nunha habitación, desde onde chamou á Policía.

As persoas coas que mantiña a vídeoconferencia confirmaron aos axentes que foran testemuñas da agresión xa que o teléfono non se chegou a apagar en ningún momento.

Por todo iso activouse inmediatamente o protocolo de protección até a detención do agresor, que foi interceptado a mañá seguinte por axentes da Policía Nacional.

A muller foi atendida ademais nun centro sanitario polos golpes sufridos.