Activan o protocolo anticovid ante un novo positivo nos xulgados de Pontevedra

Pontevedra
31 de agosto 2020

O caso positivo por coronavirus dun traballador do xulgado do penal número 2 de Pontevedra obrigou á Xunta de Galicia a activar de novo o protocolo anticovid nos xulgados da Parda e reforzar a limpeza e desinfección das instalacións

Novo edificio xudicial da Parda
Novo edificio xudicial da Parda / Cristina Saiz

O caso positivo por coronavirus dun traballador do xulgado do penal número 2 de Pontevedra obrigou á Xunta de Galicia a activar de novo o protocolo anticovid nos xulgados da Parda e reforzar a limpeza e desinfección das instalacións.

O goberno galego, a través da xefatura territorial de Presidencia en Pontevedra, deu instrucións á empresa adxudicataria do servizo de limpeza para proceder á desinfección da zona de traballo deste funcionario e das áreas de uso común.

Ademais, como establece o protocolo aprobado entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas, informouse da situación ás autoridades sanitarias para que establezan as actuacións necesarias. 

A Xunta xa puxera en marcha a semana pasada este protocolo anticovid ao detectarse dous casos positivos nestes xulgados.

Un deles atopábase de vacacións cando realizou a PCR e deu positivo e, por tanto, non estivo nas instalacións do edificio xudicial.