Activan as bonificacións da autoestrada AP-9: desde mañá, a volta será gratis para vehículos lixeiros con telepeaxe

Pontevedra
28 de xullo 2021

A Delegación do Goberno en Galicia informa da entrada en vigor das bonificacións tras a publicación este mesmo mércores no Boletín Oficial do Estado do Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros esta semana. As bonificacións aplícanse a toda a AP-9 entre Tui e Ferrol, isto é, 219,6 quilómetros

Peaxe da AP-9
Peaxe da AP-9 / Mónica Patxot

Chegou o día. O Ministerio de Transportes cumpriu finalmente co seu compromiso de activar en xullo as bonificacións da peaxe da autoestrada AP-9 e desde mañá xoves 29 de xullo empezarán a aplicarse os descontos.

A Delegación do Goberno en Galicia informa da entrada en vigor das bonificacións tras a publicación este mesmo mércores no Boletín Oficial do Estado do Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros.

As bonificacións aplícanse a toda a AP-9 entre Tui e Ferrol, isto é, 219,6 quilómetros e entran en vigor xusto antes do que adoita ser a fin de semana de maior mobilidade do ano.

O decreto bonifica as peaxes que os vehículos, tanto lixeiros como pesados, teñen que pagar polo uso da autoestrada, ampliando a todos os días da semana e a toda a autoestrada as medidas que xa están vixentes nalgúns tramos. Mantense a gratuidade das circunvalacións de Santiago, Vigo, Pontevedra e o tramo Fene-Ferrol e as bonificacións na Coruña-Barcala e o O Morrazo-Vigo.

Para os vehículos lixeiros pasan a ser gratis todos os traxectos de volta co dispositivo de telepeaxe que se realicen nun prazo máximo de 24 horas. A bonificación do 100% do percorrido de regreso ao momento de orixe aplicarase todos os días da semana, festivos incluídos.

Ademais, pasa a aplicarse unha bonificación adicional do 50 por cento do percorrido de ida para aqueles usuarios que realicen nun prazo máximo de 24 horas dous percorridos iguais (co mesmo orixe e destino) e de sentido contrario dentro do tramo Puxeiros (Vigo)-Tui e viceversa, en días laborables e festivos. 

Tamén pasa a ser gratis o acceso desde Redondela e, por tanto, os percorridos internos no tramo Redondela-Vigo (orixe/destino Rande-Vigo), que realicen o mesmo traxecto de ida e volta no prazo de 24 horas. 

A maiores, pásase a aplicar unha rebaixa do 20% do importe pago en todos os percorridos realizados nun mes, a contar desde o percorrido inicial, para aqueles vehículos que realicen máis de 20 viaxes no devandito período. Contabilizarase como un desprazamento o conxunto de percorridos realizados nun mesmo día e nun mesmo sentido de circulación, calquera que sexan as entradas e saídas parciais rexistradas dentro do mesmo. 

As bonificacións e descontos aplicaranse aos vehículos que utilicen a telepeaxe como medio de pago.  Con datos de 2019, serán gratuítos 8,4 millóns de tránsitos que se realizan ao ano en vías de pago, fronte aos 3,5 millóns. Espérase alcanzar os 10 millóns tránsitos gratuítos en 2028.

Cabe destacar que dos 95,3 millóns de tránsitos que rexistrou a autoestrada en 2019, o 92% foron de vehículos lixeiros. O resto, 7,54 millóns (8%), corresponde aos vehículos pesados. De media, uns 61.485 usuarios únicos pagan por percorrer a estrada cada día laborable.

En canto aos vehículos pesados, actívase un desconto do 20% do importe da peaxe en todos os percorridos e aplícase tamén a gratuidade no acceso desde Redondela.

As bonificacións para os vehículos pesados aplicaranse sen ningún tipo de condicións, xa que están dispoñibles todos o día da semana (laborais e festivos) e para calquera sistema de pago de peaxe. O desconto realizarase de forma automática no momento do pago na barreira (cabina de peaxe) e redondéase aos 0 ou 5 céntimos.

A AP-9 rexistrou en 2019 unha media de 240.471 tránsitos diarios, dos que o 49% pagaron peaxes. Destes últimos, o 48% realizáronse en ida e volta en 24 horas abonando o percorrido con tarxeta de crédito ou telepeaxe, o que implica que, nada máis aprobarse, as medidas impulsadas polo Goberno beneficiarán a miles de galegos que usan asiduamente a infraestrutura.