Activada a alerta laranxa por chuvia ante a chegada da borrasca Aitor

Pontevedra
24 de setembro 2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para este martes a alerta laranxa por chuvia no oeste e suroeste da Coruña e nas Rías Baixas e no interior da provincia de Pontevedra

Imaxe de satélite /

A primeira borrasca do outono, de nome ‘Aitor’, terá o seu epicentro o mércores ao mediodía, no sur oeste de Irlanda, vai favorecer ventos moi fortes con refachos de máis de 80 km/h, sobre todo en zonas de montaña, e en puntos de costa moi expostos.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para este martes a alerta laranxa por chuvia no oeste e suroeste da Coruña e nas Rías Baixas e no interior da provincia de Pontevedra.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso comezará o mércores pola mañá nestas zonas cunha precipitación acumulada en 12 horas de 80 mm. Ademais, no resto da comunidade estará activa a alerta amarela por 50 litros por metro cadrado en 12 horas desde primeiras horas da tarde.

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Tamén está activa a alerta amarela por temporal costeiro no noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña, na Mariña lucense e na costa de Pontevedra por vento do suroeste de ata 61 quilómetros por hora (forza 7) en torno a estaca de Bares e mar adentro.

Ademais, no noroeste da Coruña e na Mariña lucense o aviso amarelo será tamén por ventos que poden acadar os 90 quilómetros por hora, mentres que no oeste, interior e suroeste da Coruña, no centro e na montaña de Lugo, no noroeste e na montaña de Ourense e no interior de Pontevedra, os ventos poden acadar os 80 quilómetros por hora.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.