Coincidindo co 25 aniversario da Illa das Esculturas, parece que existe o compromiso en firme por darlle un novo impulso a un dos principais centros de escultura ao aire libre de toda Europa. A corporación aprobou de maneira unánime impulsar un plan de recuperación.
A socialista Carmen Hermo foi a encargada de defender unha proposta para recuperar o esplendor dun espazo que conta con artistas de "calidade internacional demostrada", para protexer "ou legado que deixaron nas nosas mans" e que precisa unha maior conservación.
Así, a moción do PSOE, que foi apoiada por PP e BNG, instaba a crear unha comisión de expertos para redactar un plan director deste espazo, que recolla as condicións de conservación das pezas e os requisitos para a incorporación de novas esculturas.
Ademais, propoñen que se sumen artistas femininas, ofrecer información sobre as pezas, instalar nova iluminación, deseñar un plan de mantemento, fomentar a edición de publicacións divulgativas ou impulsar visitas de escolares e profesionais.
O edil de Patrimonio, Xaquín Moreda, lembrou que o Concello xa actuou para corrixir as deficiencias da Illa das Esculturas, limpando as pezas, que recibiron un tratamento anti grafitis, colocando paneis informativos ou incorporando códigos QR explicativos.
"Esta moción vai na liña do que xa iniciamos", sinalou Moreda, que o goberno municipal está de acordo co espírito desta iniciativa, "que ten propostas aproveitables".
O popular Rafa Domínguez, pola súa banda, lamentou o "poco caso" que se lle fixo a este conxunto escultórico nos últimos 25 anos e convidou á corporación para abrir un debate "serio y profundo" para decidir "que queremos que sea" a Illa das Esculturas.
Para Domínguez, este espazo "se merece que haya mandatarios que lo sepan valorar".
A segunda das propostas presentadas polos socialistas, o impulso á construción dun edificio para albergar os servizos municipais de emerxencias, tamén foi apoiada de maneira unánime por toda a corporación pontevedresa.
Iván Puentes, que lembrou as deficiencias que presentas as respectivas sedes da Policía Local, os Bombeiros e Protección Civil, lamentou os pasos "un tanto mornos e escasos" do goberno municipal para que este edificio municipal de emerxencias sexa unha realidade.
"Non hai partida, non se encargou o proxecto nin está decidido en que lugar se fará", subliñou o edil socialista, que pediu aproveitar a "oportunidade histórica" que se presenta para integrar neste mesmo edificio a comisaría da Policía Nacional.
Defendeu que isto permitiría "mellorar o traballo conxunto e a coordinación" dos diferentes corpos policiais e, ademais, supoñería un aforro para as arcas municipais, xa que se compartiría co Goberno os gastos de construción e mantemento do inmoble.
Ao popular Rafa Domínguez lle "choca" que a moción do PSOE queira "mezclar" á Policía Nacional neste asunto, cando este corpo xa está a estudar que a Casa do Mar de Mollavao poida acoller a súa nova comisaría, polo que censurou o "batiburrillo" proposto.
A pesar diso, o PP votou a favor ao entender que construír un edificio para albergar a todos os servizos municipais de emerxencias "tiene sentido".
A edil Eva Vilaverde, responsable da área de seguridade cidadá, defendeu o traballo realizado polo goberno municipal con respecto a este futuro edificio e asegurou que este proxecto iniciarase "máis pronto do que vostedes cren".
Explicou que levan "meses" traballando para sacar adiante un proxecto que definiu como "complexo" ao ter que valorar non só as necesidades de cada servizo senón, no caso dos bombeiros, que teña "accesos axeitados" para cumprir cos tempos de resposta.
Sería, en todo caso, un edificio "sobre todo" para a Policía Local, que é que presenta "deficiencias maiores". Vilaverde ademais considera que "non parece o máis acaído" integrar nel á Policía Nacional, aínda que aceptou "estudar a ver como se pode facer".
NON HABERÁ VIAXES PARA ESTUDAR INGLÉS
O consenso que presidiu esta sesión plenaria de xuño rompeuse no debate da iniciativa presentada polo PP para que o Concello financiase viaxes ao Reino Unido para que os estudantes de terceiro da ESO mellorasen o seu inglés.
Rafa Domínguez defendeu esta idea, similar á que impulsan en Vigo, ao entender que contribuiría "de manera significativa" ao desenvolvemento persoal e académicos dos adolescentes pontevedreses, que poderían mellorar o seu inglés nunha contorna de inmersión lingüística.
Os populares pedían que o Concello asumise o custo da viaxe, a estancia de tres semanas, os monitores bilingües, o seguro, as actividades complementarias ou a matrícula nun curso intensivo. Os alumnos deberían ter todo aprobado e estar empadroados na cidade.
Pero o BNG votou en contra porque esta proposta está "claramente en contra" das competencias municipais, segundo Demetrio Gómez, e reflicte un modelo educativo e formativo "que non compartimos en absoluto", ao supoñer unha "mercantilización" da educación pública.