O homicidio machista de Estela Blach Silva a pasada semana en Baiona serviu este martes para escenificar a unidade política en Pontevedra ao redor da violencia machista.
Representantes políticos do Concello e da Deputación e dos tres partidos con representación nas dúas entidades -PP, BNG e PSOE- déronse cita nun minuto de silencio organizado ás portas do Pazo Provincial e confirmaron que esta será a maneira de proceder a partir de agora.
Esta unión xa se viviu dúas semanas atrás con motivo do minuto de silencio organizado ás portas do Concello pola traxedia da DANA de Levante e este martes o presidente da Deputación, Luis López, explicou que é resultado dun "acordo".
"Chegamos a un acordo de algo que, ademais, á cidadanía seguramente lle vai gustar", anunciou Luis López. A partir de agora, a celebración de todos os minutos de silencio terá "un carácter rotatorio" entre o Concello, a Deputación e mesmo a Subdelegación do Goberno.
No caso do acto organizado este martes, lamentou a "traxedia" deste crime machista, que tivo un "impacto importante" na propia Deputación porque a vítima tiña relación familiar con traballadores da institución.
O presidente provincial amosou o desexo de que "sexa o último" acto destas características que teñan que organizar e desexou que o sospeitoso, Humberto González Rodríguez, ex mozo da vítima, "apareza o antes posible para que caia sobre el todo o peso da xustiza", pois leva fugado desde o día do crime.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández, desexou que "ogallá que fora certa" a petición de Luis López de que sexa o último caso de violencia machista, pero recoñeceu que "sabemos que non vai ser así".
Lores considera "absolutamente inasumible siga habendo violencia machista no século XXI" e describe a loita contra esta "lacra social que a todos nos pon os pelos de punta" como unha "carreira de fondo" para acabar con "centos de anos de patriarcado" e dunha educación machista.
"Temos que traballar todos xuntos, ten que haber unidade de todas as forzas políticas", pediu Lores, que considera que os responsables políticos deben "transmitir á sociedade que estamos todos xuntos nesta loita".
Para logralo, sostén que hai que investir cartos e mellorar a educación e é preciso que se tome "en serio" para ir "diminuíndo paulatinamente estas cuestións". En definitiva, pediu "unidade e consignación orzamentaria" de todas as administracións e moita formación.