Novidades na reforma integral da Rúa da Santiña de Pontevedra, en obras desde abril. O Concello de Pontevedra acaba de chegar a un acordo coa empresa Naturgy (antes Gas Natural Fenosa) para eliminar todos os postes do tendido eléctrico desta vía.
A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, explicou que hai tempo negociaron con Naturgy para soterrar todo o tendido eléctrico "e non foi posible", pero agora, meses despois do inicio da obra, "parece que finalmente ou conseguimos".
"Por fin imos poder quitar todos os postes", sinalou Vilaverde, que recoñeceu que aínda non está definida a fórmula na que se procederá a realizar esta actuación.
Así, aínda están a negociar de que forma se fará e cal será a contía que asumirá Naturgy e cal corresponderá ao Concello. A priori, a administración local encargarase de abrir e pechar as gabias e a empesa do cableado.
As negociacións están pendentes de pechar os últimos "flocos" e van agora mesmo por esa vía de "que parte vai facer cada un", pero si está pechado o compromiso da empresa eléctrica para soterrar.
Esta medida, segundo destaca Vilaverde, vai permitir que a rúa quede en "mellores condicións estéticas e de accesibilidade".
A reforma estará rematada, segundo as previsións iniciais, entre maio e xuño de 2025. Os traballos realízaos a empresa Civis Global por 1,8 millóns de euros e teñen un prazo de execución dun ano.
A actuación abarcará os 800 metros de lonxitude que teñen a Rúa da Santiña e a Rúa da Gándara, desde o seu inicio na Avenida da Coruña ata a súa conexión co ENIL da Xunqueira de Alba, no tramo final da rúa Martín Códax.