Acordo para expropiar unha parcela para os accesos ao futuro pavillón da Parda

Pontevedra
07 de novembro 2022

O Concello obterá esta superficie de 476 metros cadrados por 184.448 euros coa intención de que permita un acceso peonil e a construción doutros elementos deportivos á instalación que, segundo avanzou a portavoz do goberno municipal Anabel Gulías, vai tentar licitarse a principios de 2023

Anabel Gulías e Eva Vilaverde
Anabel Gulías e Eva Vilaverde / Mónica Patxot

Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno municipal aceptou este luns expropiar unha parcela situada na Rúa Tomás e Valente para incorporala ás futuras instalacións do pavillón da Parda. 

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal, explicou que se trata dun avance máis para a construción deste espazo deportivo. Lembrou que en 2018 se expropiaron tres parcelas para o futuro equipamento cunha superficie de 141, 255 e 66 metros cadrados.

Agora, un espazo de 476,60 metros cadrados, situada no espazo paralelo ao edificio dos Xulgados da Parda, pasará a ser de titularidade municipal por 184.448, 85 euros. Esta parcela, explicou a concelleira, non é necesaria para o futuro pavillón pero permitirá avanzar na mellora de accesos.

Con esta incorporación finalizaría o proceso de expropiacións coa intención de que a principios de 2023 se poida licitar a obra para a construción do agardado edificio. Neste período ata finais de ano estúdase a viabilidade económica para decidir o procedemento máis adecuado para a licitación, debido ao incremento de prezos rexistrado durante os últimos anos.

Gulías indicou que é unha "obra moi ambiciosa" e que precisa dun edificio de altura, tal e como se demanda para acoller as competicións de ximnastas. Neste sentido, sinalou que se estuda a incorporación doutros elementos deportivos como un rocódromo ás instalacións.