Acordo entre o goberno municipal e Ciudadanos para incluír catro emendas no orzamento

Pontevedra
03 de febreiro 2020

Catro partidas que, no seu conxunto, están valoradas no medio millón de euros. É o compromiso que arrancou o edil de Ciudadanos, Goyo Revenga, ao goberno municipal no marco da negociación do orzamento de 2020

Goyo Revenga, no pleno municipal no Teatro Principal
Goyo Revenga, no pleno municipal no Teatro Principal / Cristina Saiz

Catro partidas que, no seu conxunto, están valoradas no medio millón de euros. É o compromiso que arrancou o edil de Ciudadanos, Goyo Revenga, ao goberno municipal no marco da negociación do orzamento de 2020.

Así o comunicou Ciudadanos que, a través dun comunicado, afirmou que este acordo enmárcase na estratexia de facer unha oposición "construtiva".

Entre as emendas aceptadas polo goberno municipal está a reforma da unidade de condutas adictivas do Concello, que, como denunciara Revenga, atópase nunhas condicións "deplorables e indignas".

Ciudadanos pactou tamén que se incremente "no que sexa necesario" a partida de limpeza de centros públicos de ensino infantil e primario, para dar un servizo adecuado, así como a mellora das condicións de traballo das empregadas.

O acordo con Ciudadanos inclúe por último a instalación de desfibriladores en todas as áreas deportivas e casas de cultura do municipio e o incremento de 200.000 euros para a mellora e mantemento dos parques infantís municipais.