Acordo entre Concello e Deputación para impulsar a ampliación do Museo de Pontevedra

Pontevedra
21 de decembro 2019

O texto do protocolo reflexa que o obxectivo do acordo é establecer as liñas de colaboración das partes asinantes encamiñadas a impulsar, establecer e contribuír, conxuntamente, á mellora e racionalización do equipamento museístico da cidade de Pontevedra

Os edificios García Florez e Castro Monteagudo
Os edificios García Florez e Castro Monteagudo / PontevedraViva

Mediante un protocolo de colaboración, que será asinado nos próximos días, o Concello e a Deputación referendarán os plans de ampliación do Museo de Pontevedra, que inclúe a construción dun centro de arqueoloxía en Valdecorvos e a rehabilitacións do Castro Monteagudo, García Florez e Fernández López, os seus edificios centrais.

O texto do protocolo reflexa que o obxectivo do acordo é establecer as liñas de colaboración das partes asinantes encamiñadas a impulsar, establecer e contribuír, conxuntamente, á mellora e racionalización do equipamento museístico da cidade de Pontevedra.

Esta actuación supón, por unha banda, a rehabilitación, conexión e dotación de accesibilidade a través do subsolo dos edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López e, pola outra, a construción dunha nave en Valdecorvos dedicada á xestión integral dos fondos arqueolóxicos do Museo de Pontevedra.

Ambas actuacións non estarán ligadas de xeito que, no caso de que durante a realización dos estudos da conexión polo subsolo no ámbito da praza da Leña xurdan cuestións que determinen a inviabilidade total ou parcial desta actuación, o resto dos compromisos non quedarán afectados.

Coa sinatura do protocolo o Concello de Pontevedra comprométese a ceder á Deputación o uso dos treitos do subsolo das rúas Sarmiento, Pasantería e García Flórez para acometer as obras necesarias para dotar de accesibilidade e permitan a consolidación e rehabilitación dos tres edificios do Museo de Pontevedra.

Ademais, a administración municipal tamén se compromete a colaborar na redacción do instrumento de modificación do PEPRICA e a tramitalo ata a súa aprobación definitiva, no prazo máis breve posible e coa máxima dilixencia.

No que atinxe a Valdecorvos, o Concello comprométese a ceder gratuitamente e transmitir, libre de cargas e gravames, a titularidade da parcela P20, de 9.502 metros cadrados e axilizará a tramitación e concesión da licenza para a construción do edificio arqueolóxico.