Acordo en Barro para rexeitar o paso por Curro da liña de evacuación do parque eólico do Castrove

Barro
16 de xullo 2024

A corporación municipal celebrou este luns un pleno extraordinario para debater e aprobar unha alegación conxunta contra o paso da liña de evacuación do parque eólico proxectado no Monte Castrove

Pleno de investidura de Barro
Pleno de investidura de Barro / Concello de Barro

A corporación municipal do Concello de Barro celebrou a última hora do luns un pleno extraordinario coa intención de debater e aprobar unha alegación conxunta de todos os grupos políticos contra o paso polo municipio da liña de evacuación do parque eólico proxectado no Monte Castrove.

Este proxecto, que se atopa en fase de exposición pública, aínda que non contempla a implantación de aerogenedores en Barro si afectaría directamente o concello debido á liña de alta tensión que baixaría desde o complexo ata o polígono de Outeda, atravesando o lugar de Curro.

En concreto de saír adiante o parque eólico está prevista unha liña de evacuación desde o alto do Castrove ata o lugar de Bretoña, por onde pasaría enterrada para volver saír á superficie en Curro ata o polígono de Outeda.

A alegación aprobada polo pleno municipal rexeita as pretensións da empresa afirmando que causaría graves afeccións e impacto ambiental e paisaxístico.

De feito o alcalde, Xosé Manuel Fdez. Abraldes, valorou o acordo plenario adoptado por unanimidade "moi positivamente" ao rexeitar "unha alternativa que afectaría moito ao presente e futuro da parroquia e da veciñanza de Curro".