O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, formalizaron este martes ante notario a escritura pública de cesión do edificio da antiga Delegación de Educación, actualmente rehabilitado e reconvertido en Edificio Administrativo da institución provincial.
A escritura establece "a cesión a perpetuidade e en concepto de balde" deste edificio por parte do concello e a favor da Deputación, algo que, tal e como lembraron Lores e Louzán, obedece ao convenio asinado en febreiro de 2008 e no que se establecían contraprestacións da Administración Provincial para co concello, como o acceso norte a Monteporreiro, a Príncipe Felipe e a Montecelo, entre outras actuacións.
O inmoble consta de soto, baixo e primeiro e segundo andar e ten 816 metros cadrados de superficie construída e 659 metros cadrados sen edificar, o que fai un total de 1.400 metros cadrados.
O presidente da Deputación subliñou que a sinatura realizada este martes é "un trámite" que vén a "regularizar definitivamente" unha cesión que de facto xa estaba feita e que permitiu a posta en valor dun edificio que carecía de uso e que "agora está dando servizo á cidadanía", tanto pola súa utilización como sede da Deputación como "por ser empregada por diversos colectivos da cidade" para numerosas actividades.
O valor do inmoble cedido ascende, segundo a escritura, a 1,9 millóns de euros, sobre os que a Deputación "investiu unha cantidade similar para a súa rehabilitación". Desta forma, subliñou Louzán, ponse en valor un edificio que, de outra forma, probablemente estaría "en estado ruinoso".
Pola súa banda, Fernández Lores valorou os resultados da "confianza e a lealdade entre administracións", que permitiu avanzar no convenio que ambas as administracións asinaran en 2008 e que, grazas "ao entendemento entre Deputación e Concello", fixeron posible a rehabilitación da antiga sede de Educación e tamén nas outras partes do convenio.
ANTECEDENTES
Neste sentido, cómpre lembrar que os compromisos da Deputación incluíron a transferencia a ao concello de 14,4 quilómetros de estradas provinciais, a mellora en rúas e estradas da cidade, a construción da ponte e do acceso a Monteporreiro e o acceso oeste a Montecelo.