A Axencia Turismo de Galicia impulsou o acondicionamento e posta en valor de dúas estacións rupestres de petróglifos de alto valor patrimonial no municipio de Campo Lameiro coas axudas da orde de infraestruturas turísticas no medio rural.
A actuación realizada en Campo Lameiro xurde dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello ao abeiro da derradeira convocatoria de modernización de infraestruturas turísticas e supuxo un investimento de máis de 20.000 euros que permitiu mellorar o estado das estacións rupestres de Chan da Lagoa e Campo de Matabois.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou este mediodía a mellora realizada no Concello de Campo Lameiro acompañado polo alcalde, Carlos Costa.
As obras realizadas centráronse na súa posta en valor con actuacións individualizadas consistentes na rehabilitación de elementos deteriorados, mellora dos accesos e sendas, renovación da sinalización e dotación de elementos de protección que tamén impiden a entrada nos conxuntos rupestres do gando mostrenco. Así, instalaronse novos valados e pasarelas, repuxéronse elementos de madeira, mellorouse a sinalización e procedeuse a limpeza integral a través de rozas.
CERDEDO COTOBADE
A empresa Emdesfor 2002, adxudicataria dos traballos de limpeza e acondicionamento do entorno dos petróglifos de Fentáns, San Xurxo e Santa María de Sacos finalizou xa a realizar os seus traballos de conservación das estacións arqueolóxicas da Laxe dos Cedros, Pedra das Ferraduras, Laxe das Rodas e Cernadelo.
Os traballos, que estiveron supervisados por arqueólogos especializados en arte rupestre, contaron cun orzamento total de 24.285 euros e permitiron actuar na conservación destes elementos fundamentais do patrimonio histórico de Cerdedo-Cotobade.
O alcalde, Jorge Cubela, Jorge Cubela salientou a importancia de que estes traballos se leven a cabo por persoal especializado para garantir a idoneidade e o coidado á hora de poñer en valor a arte rupestre no municipio.