A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de conservación do paso inferior peonil baixo a estrada autonómica PO-308, en Combarro.
A intervención, cun investimento de preto de 50.000 euros, permite actuar no paso inferior co obxectivo de reparar as deficiencias detectadas, derivadas da exposición ao ambiente mariño, reforzando e mellorando a estrutura de formigón.
Os traballos céntranse nunha estrutura na que se acometeron varias ampliacións, polo que se poden diferenciar tres tipoloxías de estruturas diferentes.
O primeiro tramo, o máis recente e o menos exposto ao ambiente mariño, ten unha lonxitude duns 6 metros, está formado por elementos verticais e horizontais de formigón. Neste caso realizaranse reparacións menores, ante o seu bo estado xeral.
No segundo tramo, dunha lonxitude de 13 metros, as paredes son de sillería con rexuntado de morteiro de cemento, e o forxado é de formigón sobre viguetas metálicas. As actuacións aquí céntranse nun tratamento anticorrosivo das viguetas do dintel.
O terceiro tramo, dunha lonxitude de 11 metros, está composto por paredes e lousa superior de formigón armado. Por este tramo pasan diferentes servizos, de auga e de subministración eléctrica, sendo o tramo de maior exposición ao ambiente mariño, e polo tanto, o que requirirá dunha intervención maior.
Acométense, en primeiro lugar, actuacións de reparación e reforzo para restituír a estrutura ao seu estado inicial: limpeza xeral con chorro de area, saneado xeral da zona con medios mecánicos de baixa potencia, limpeza e pasivación de todas as armaduras vistas, e aplicación dun morteiro de altas prestacións mecánicas.
No segundo tramo, tras a limpeza dos elementos metálicos, aplicarase un sistema de pintura cunha protección de alta durabilidade.
No último tramo, apearanse as conducións de servizos, reforzarase a estrutura con morteiro proxectado armado con mallazo, creando unha capa adicional de 5 centímetros e unificarase o acabado co existente.
Ademais, para aumentar a durabilidade da estrutura e conseguir unha maior protección, aplicaranse dous tratamentos de superficie, que se realizarán sobre o formigón tratado: un inhibidor de corrosión e unha pintura anticarbonatación.