Acollida "absolutamente espectacular" á proposta de Pontevedra no congreso de Costa Rica

Pontevedra
10 de abril 2025

Mosquera impartiu a conferencia 'Pontevedra: unha cidade pensada e deseñada para todas as persoas' e sinalou que "logramos que a intervención sobre Pontevedra fose a máis aplaudida"

César Mosquera, no  IV Congreso Internacional de Paisaje Urbano de Costa Rica
César Mosquera, no IV Congreso Internacional de Paisaje Urbano de Costa Rica / Concello de Pontevedra

O IV Congreso Internacional de Paisaje Urbano de Costa Rica deu unha acollida "absolutamente espectacular" a Pontevedra. 

O concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, César Mosquera, e a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, están de viaxe institucional en Costa Rica para participar neste congreso e recibir o premio 'Eusebio Leal Spengler La ciudad es la gente'.

Mosquera impartiu a conferencia 'Pontevedra: unha cidade pensada e deseñada para todas as persoas' e sinalou que "o ICOUL é un congreso serio, cun público atentísimo e interesado, e logramos que a intervención sobre Pontevedra fose a máis aplaudida".

Durante o congreso, fíxose fincapé no moito que lle custa á sociedade americana implicar á cidadanía co seu municipio ou coa súa cidade, chegando, tal e como lle recoñeceron os asistentes e organizadores do congreso a Mosquera, a non saber quen é o seu alcalde, nin tan sequera preocuparlle este feito.

Mosquera tratou esa desafección xeralizada en América como "un fenómeno preocupante que non existe en Pontevedra, pois a cidade conta cunha elevada participación cidadá a todos os niveis".

"Este contraste na implicación da xente, sexa de xeito crítico ou non, sexa polo simple interese en que a cidade funcione e que a xente queira formar parte do engrenaxe de Pontevedra, provocou un enorme contraste" co que explicou a comunidade americana presente, autoridades e profesionais, explicou Mosquera. 

Tal e como sinala o Concello de Pontevedra nun comunicado, Costa Rica deulle á delegación pontevedresa unha boa acollida a través dunhas "deferencias moi elevadas".

Ese recibimento, segundo Mosquera, "permitiu sobrelevar un jet lag produto desa diferencia de oito horas entre Costa Rica e Galiza".