ÿscar B.M. recoñeceu este martes ter sido o autor dun incendio forestal en Cangas e aceptou cumprir tres meses de prisión. Fíxoo por videoconferencia ante o tribunal da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, que tiña previsto celebrar un xuízo con xurado contra el, pero finalmente non foi necesario ao darse un acordo de conformidade entre as Fiscalía e o acusado.
O xurado nin chegou a constituírse e agora, recoñecida a autoría do lume, o tribunal deberá decidir en sentenza quen é o responsable civil dos danos do incendio, que a Fiscalía sostén que recae sobre a Comunidade de Madrid, pois o acusado estaba baixo a súa tutela cando causou o incendio.
O procesado fora declarado "plenamente incapaz de rexer a súa persoa e bens" sendo sometido a tutela da Axencia madrileña para a Tutela de Adultos da Comunidade de Madrid por sentenza firme do xulgado de Primera Instancia número 78 de Madrid. Malia iso, saíu á rúa, desprazouse a Cangas e provocou o lume, de aí que a Fiscalía apunte á responsabilidade da Administración madrileña. Pola súa banda, a defensa sostén que non houbo ningunha neglixencia á hora de non tutelar o procesado e pide que non se lle condene a indemnizar á Comunidade de Montes e á Xunta polos danos e prexuízos causados e os gastos de extinción, respondendo dos pagamentos con carácter subsidiario a Axencia Madrileña para a Tutela de Adultos da Comunidade de Madrid.
O acusado recoñeceu que entre as 14:30 e as 15:10 horas do 27 de setembro de 2007 prendeu tres focos de lume na zona coñecida como Balcón do Rei, sita en Darbo (Cangas do Morrazo), provocando un incendio que afectou a 2,5 hectáreas de monte raso.
Segundo a Fiscalía, no momento de cometer estes feitos o acusado padecía un transtorno esquizo afectivo que lle provocaba unha "importante alteración da capacidade de xuízo" e unha "notable incapacidade para poder valorar de xeito axeitado a súa conduta", de aí que el non debe asumir as indemnizacións, senón quen debía tutelalo.
O monte era de titularidade do Monte Veciñal en Man Común da Parroquia de Darbo e sufriu danos e prexuízos en contía de 19.056,42 euros. Para a extinción do incendio a Xunta de Galicia empregou diversos medios humanos e mecánicos que xeraron gastos por valor de 66.627 euros.