Barro recuperou unha tradición da cultura popular galega: o prendido do Tizón de Nadal.
Este evento, que a partir de agora promete ser unha homenaxe ás raíces culturais do municipio, estivo protagonizado por Carme González Parada, unha veciña centenaria de Barro, quen coa súa sabedoría e experiencia, deu vida a esta costume ancestral.
A tradición do Tizón de Nadal consiste en acender un bo toro de madeira, permitindo que arda lentamente.
En diversas localidades galegas, críase que o tizón debía permanecer aceso ata o Aninovo ou ata o día de Reis, acendendo un pouco cada día.
Este ritual non só buscaba protexer o fogar de males, senón que tamén se asocia coa idea de aloumiñar as almiñas dos defuntos, quen se cre que nos visitan nestas datas sinaladas.
A cinza do tizón, que se esparexe nos campos, é considerada un fertilizante máxico, mentres que a tradición de non recoller a mesa tras a cea permite que as almas dos antepasados compartan con nós este momento de unión familiar.
Antes do acendido, a antropóloga e colaboradora da TVG, Lidia Mariño, ofreceu unha breve exposición sobre a historia e significado do Tizón de Nadal e outras costumes populares.
Logo do acto, continuou a programación do Nadal no Pazo da Crega coa actuación de Foucellas e o Ladrón de paraugas, un espectáculo pensado para o público infantil e que combinou a narración, os monicreques e a música.