Accións vandálicas en Poio con danos no mobiliario público

Poio
08 de xuño 2022

Segundo indica a Policía Local de Poio durante a xornada deste martes 7 rexistráronse queimas de dous contedores de lixo, que provocaron desperfectos nunha parcela privada. Ademais, os vándalos estragaron material no parque infantil da Illa Canosa e no Parque de Rosalía de Castro

Danos nun parque infantil de Poio
Danos nun parque infantil de Poio / Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio detectaba durante este martes 7 de xuño varios actos vandálicos no municipio. Ao redor das 16.20 horas rexistrábanse incendios en dous contedores de lixo na rúa Coruxa. 

Para a extinción do lume, segundo informa a Policía Local de Poio, foi necesaria a intervención dun equipo do GES de Sanxenxo e efectivos de Protección Civil de Poio. Tamén se produciron danos nunha parcela privada e os axentes atópanse investigando as causas deste incendio.

Ademais, bancos e material do parque infantil de Illa Canosa e no Parque de Rosalía de Castro aparecían esnaquizados durante a xornada. Desde a Policía Local trasladouse un aviso ao departamento de Servizos para que se arranxe no menor tempo posible.

A Policía Local solicita a colaboración cidadá para investigar estes casos de vandalismo e no caso de que algunha persoa desexe achegar datos pode poñerse en contacto cos axentes a través do teléfono 689.575.495 ou a través do correo electrónico: [email protected]