Absolven o policía de Vilagarcía acusado de suborno e declarado "non culpable" polo xurado

Pontevedra
05 de febreiro 2021

A Audiencia dita unha sentenza absolutorio que conclúe que, aínda que se probou que si lle realizou as probas de alcoholemia a un condutor, non se acreditou que lle solicitase diñeiro a cambio de non facer chegar ao xulgado o atestado por delito de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas

Xuízo contra un policía local de Vilagarcía acusado de suborno
Xuízo contra un policía local de Vilagarcía acusado de suborno /

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu o policía local de Vilagarcía acusado de suborno por pedir diñeiro a un condutor a cambio de non tramitar un atestado por alcoholemia. O tribunal acaba de ditar sentenza baseándose no veredicto emitido polo xurado que xulgou ao axente e declarouno "non culpable"

A propia Fiscalía, que empezou o xuízo pedindo para o acusado unha condena a catro anos e medio de prisión e nove de inhabilitación, xa admitiu ao termo do mesmo que "non temos probas directas" contra o acusado, Marcial D. F.. Tras o veredicto de non culpabilidade, retirou esa acusación e pediu a absolución do axente.

O home sentou no banco porque na madrugada do 12 de setembro de 2013 fixo con outro compañeiro unha proba de alcoholemia a un condutor que deu resultado positivo e a Fiscalía sostiña que, dez días despois, compareceu na súa casa e ofreceuse a non tramitar o expediente polo delito de condución baixo os efectos de bebidas alcohólicas a cambio do pago de 5.000 euros. Finalmente, pagoulle 2.000 euros, e pouco despois denunciou na Comisaría.

A sentenza recentemente ditada conclúe que, aínda que se probou que si lle realizou as probas de alcoholemia a un condutor, non se acreditou que lle solicitase diñeiro a cambio de non facer chegar ao xulgado o atestado por delito de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

A Audiencia apoia o veredicto do xurado, que entendeu que a proba de cargo practicada foi “insuficiente para chegar á condena do procesado". A acusación cambaleouse xa na primeira sesión do xuízo, cando a testemuña principal do caso, un home que asegurou que pagou 2.000 euros ao axente tras ese suborno, fixo gala de mala memoria e non lembraba absolutamente nada dos feitos que no seu día denunciara ante a Comisaría da Policía Nacional.

A sentenza confirma que non hai probas contra o axente, fundamentalmente, porque o testemuño prestado polo condutor durante a investigación deste  casp non se viu corroborado por outros datos obxectivos alleos á propia declaración. Ademais, cuestionou a versión da testemuña pola "actitude" que mostrou no xuízo, "ao reiterar de maneira  contumaz que non lembraba nada", nin sequera interpoñer denuncia por suborno, nin entregar cantidade algunha de diñeiro polos problemas de depresión que padecía. Trátase dunha amnesia selectiva que foi desmontada polo pericial médico forense.

Os xurados sinalan que non existe proba algunha que permita afirmar que o acusado se desprazase ata o domicilio do acusado e tampouco proba obxectiva algunha relativa á entrega de diñeiro por parte da testemuña ao axente.

 O xurado, e a sentenza da Audiencia, tamén consideran probado que a tramitación do procedemento, desde o seu inicio no ano 2013 ata o seu axuizamento en 2021, "prolongouse inxustificadamente por causas non atribuíbles ao acusado" e que esa "demora inxustificada" na terminación do procedemento foi "especialmente importante".