A Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu absolver por falta de probas a un xefe dun supermercado de Vilagarcía de Arousa xulgado polos delitos de acoso e de agresión sexual a unha subordinada.
A sección cuarta da Audiencia ditou unha sentenza absolutoria que afecta o xefe de quenda acusado de cometer os feitos e tamén ao xerente do establecemento e ao responsable de recursos humanos, aos que atribuían o delito de cómplices de acoso sexual.
O caso chegou a xuízo en decembro, once anos despois dos feitos que se xulgaban, ocorridos o 26 de agosto de 2013.
O tribunal considerou probado que o xefe de quenda e unha traballadora accederon á cámara frigorífica para comprobar o estado dunha mercadoría e, no momento en que entrou outra compañeira, o acusado "agarraba por detrás á denunciante", pero "sen que conste que o fixese en contra da súa vontade nin con ánimo libidinoso".
O fallo do tribunal fala de "déficit probatorio" neste caso, "do que xorde a dúbida da certeza dos feitos". Así, sinalan que a análise "en conciencia" das probas practicadas no xuízo non permitiron declarar de forma inequívoca que os feitos ocorreron na forma descrita nos relatos de feitos dos escritos acusatorios.
A sentenza conclúe que non quedou acreditado que o acusado, prevaléndose da súa condición de superior xerárquico da traballadora, realizase condutas que atentasen contra a súa liberdade sexual.
Ao xerente e ao responsable de recursos humanos só os acusaba a acusación particular, non a Fiscalía. A sentenza conclúe que cando tiveron coñecemento dos feitos denunciados, "adoptaron as medidas inmediatas para comprobar e corrixir a situación xerada".
A sentenza conclúe tamén que non quedou acreditado que os danos psíquicos que presenta a denunciante poidan ser atribuíbles aos acusados, nin que adoptasen medidas de orde laboral que garden relación cos feitos denunciados.
Este fallo é recorrible ante o TSXG.