Abrirán de novo as portas do inferno para que o Demo faga falcatruadas polas rúas de Pontevedra

Pontevedra
21 de agosto 2023

A Festa do Demo terá lugar este mércores, 23 de agosto, coa saída da comitiva ás 12.30 horas e as 20.00 horas desde os arcos de San Bartolomeu nunha xornada de burlas, xogos e trasnadas

Ilustración orixinal de Agostiño Portela, deixando constancia da Festa do Demo no ano 1947
Ilustración orixinal de Agostiño Portela, deixando constancia da Festa do Demo no ano 1947 / Concello de Pontevedra

Este mércores 23 de agosto abrirán de novo as portas do inferno para que o Demo faga falcatruadas polas rúas de Pontevedra.

A comitiva infernal percorrerá as rúas e prazas do centro histórico e nenos e maiores deberán aguantar as trasnadas do vermello personaxe, ao tempo que os máis valentes son quen de tirarlle do rabo.

Seguindo o programa previsto, ás 12.30 horas deste mércores, o Demo sairá cos seus vasallos desde os arcos de San Bartalomeu para a continuación percorrer a zona monumental.

Ás 20 horas, a comitiva volverá saír para facer de novo o nomeado percorrido, por se algunha crianza e demais ollos curiosos da Boa Vila perden a oportunidade pola mañá.

Ás 21 horas comezará o concerto de San Bartomoleu ofrecido pola Banda de Música de Salcedo na praza de José Martí.

Media horiña máis tarde, ás 21.30 horas, iniciarase a Foliada do Demo cos Chichisos e Faiscas da Ponterga na praza de Curros Enríquez.

A Festa do Demo é os seus 22 anos de historia simboliza o éxito evidente que supón a recuperación de festividades e celebracións tradicionais, prohibidas e perdidas no seu momento. É un exemplo dese folclore popular tan noso, que cómpre manter vivo no tempo, ao demostrar a súa vixencia á hora de ofrecer divertimento e festividade nos tempos actuais, amosando unha preocupación pola etnografía pontevedresa.

No seu día, a recuperación desta cita foi un labor de investigación de enorme interese á par que complexo, perante a dificultade de atopar información sobre a celebración en si. O rastrexo principal levouse acabo a través do libro 'Pontevedra, boa vila', que conta cun texto de Vicente Risco e un par de ilustracións de Agostiño Portela. 

Por suposto, a veciñanza tamén axudou, sendo fontes orais de referencia, ao contaren quen era Dominguiños, un pontevedrés daquela época, que sempre exercía de demo. 

Este Dominguiños era un antigo aprendiz de electricista, logo vendedor de décimos de lotaría, mais lembrado na memoria popular por exercer de Lucifer chegado o momento adecuado, intre do que os nenos fuxían, malia que tamén sabían que podían obter algún que outro agasallo del en forma de caramelo.