Abrir o campus a toda a cidadanía, obxectivo conxunto do Concello e da Universidade

Pontevedra
08 de setembro 2021

O campus de Pontevedra desenvolverá medio cento de actividades abertas a toda a cidadanía co obxectivo de afianzar a relación da Universidade de Vigo coa cidade de Pontevedra e de poder contribuír á reactivación da economía local tras o impacto da pandemia da covid-19

O vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, e a concelleira de Promoción Económica, Turismo e Universidade, Yoya Blanco
O vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, e a concelleira de Promoción Económica, Turismo e Universidade, Yoya Blanco / Mónica Patxot

Co obxectivo de afianzar a relación da Universidade de Vigo coa cidade de Pontevedra e de poder contribuír á reactivación da economía local tras o impacto da pandemia da covid-19, este mércores presentábase na Casa das Campás un convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra.

Neste acto estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica, Turismo e Universidade, Yoya Blanco; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; e a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Lali Agrelo.

Yoya Blanco manifestaba que "o campus é esencial para o tecido social e económico da cidade" e que o medio centenar de actividades programadas neste convenio dan resposta a ámbitos chave no desenvolvemento da cidade. Tales como promoción económica e do comercio local, cultura, educación, deportes, medio ambiente e desenvolvemento ecolóxico.

O vicerreitor Jorge Soto destacaba o apoio fundamental do Concello para lograr que se plasmase este convenio polo que se organizarán diversas actividades entre os meses de setembro e decembro, principalmente, aínda que nalgúns casos se estenderán ao longo de todo o curso académico coa idea de ter continuidade máis aló. "Este convenio é o principio de moitas máis cousas, co obxectivo de facer unha Pontevedra máis universal", apuntaba Soto.

Pola súa banda, a directora cultural Lali Agrelo expoñía a relación de cursos e actividades recalcando que están destinados tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral. Son de carácter gratuíto e haberá posibilidade de acceder a un certificado que poida puntuar en oposicións ou procesos selectivos.

Unha das novidades para este curso será a recuperación da Aula de Teatro da Universidade, que terá a súa sede na Facultade de Belas Artes e na que calquera cidadán poderá formar parte do proceso de preparación e montaxe dun espectáculo teatral. Agrelo adiantaba que nos meses de abril e maio Pontevedra acollerá un certame coa posta en escena de pezas de ámbito universitario nacional e internacional.

No outono arrancará un ciclo de conversas no que participarán xornalistas e figuras de referencia cunha traxectoria profesional ao redor do concepto de cidade.

Outro dos puntos fortes da programación para incentivar a activación da economía local son os obradoiros sobre diferentes temáticas. "A educación e o videoxogo" está enfocado á exploración das posibilidades prácticas que este tipo de creacións. "Ilustración e acción" achegará ideas para atopar a marca persoal ou comercial para visibilizar os produtos ou servizos. "Fotografía creativa" estará enfocado a sacar todo o rendemento posible á imaxe como vehículo de comunicación e intercambio, complementado co tratamento de texto .

A aposta polas áreas de coñecemento STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) plasmarase noutra serie de obradoiros que se ocuparán de temas tan diversos como os circuítos electrónicos, o mundo líquido ou a intelixencia artificial.

A directora cultural do campus de Pontevedra tamén adiantaba a próxima convocatoria dun ciclo de percusión no que se dará cabida a outras culturas e a inclusión social. As actividades musicais reforzaranse coa oferta de concertos todos os meses no Teatro Principal de Pontevedra.

O sector audiovisual estará presente tanto en obradoiros, como en clases maxistrais e proxeccións, nas que se fará énfase nos "novos cinemas".

Finalizaba este adianto de actividades, que serán puntualmente anunciadas, co reforzamento da relación entre a cidade e o Universidade de Vigo a través do próximo trazado de roteiros por Pontevedra abertos a toda a cidadanía e nos que explorará a contorna desde un enfoque patrimonial, cultural, botánico ou a través das vidreiras do propio comercio.