A construción da Rolda Leste entre a PO-542 (Ponte Bora-O Pino) e a PO-532 (Pontevedra-Ponte Caldelas) afectará a 63 terreos, nos que serán expropiados 33.473 metros cadrado de labradíos en chan rústico, dous almacéns de 94 metros cadrados en total e dous edificacións, que suman 54 metros cadrados. Ademais provocará a talla de 120 eucaliptos.
Tras aprobar o Pleno Provincial da Deputación o proxecto construtivo da infraestrutura, a Administración abre agora, dende este xoves, un prazo de 15 días para presentar alegacións ás expropiacións.
Segundo explica a Deputación, o proxecto da Rolda Leste inclúe o acceso a Montecelo e Príncipe Felipe para permitir a mellora da mobilidade nesta zona e integrarse nun futuro na Rolda Urbana de Pontevedra. Terá dous carrís de 3,5 metros, beiravías dun metro e unha senda peonil de 4 metros.
A obra ten un presuposto de 2,5 millóns de euros, saíndo a licitación a principios de 2015.