Abren ao paso peonil o novo cruzamento de Benito Corbal con Daniel de la Sota

Pontevedra
30 de marzo 2021

Xa é visible o novo pavimento do cruzamento entre as rúas Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac. A conversión deste espazo nunha praza circular avanza a bo ritmo e tan só queda por substituír o pavimento nas esquinas de cada intersección

Obras do novo cruzamento de Benito Corbal con Daniel de la Sota
Obras do novo cruzamento de Benito Corbal con Daniel de la Sota / Isabel Feijóo

Xa é visible o novo pavimento do cruzamento entre as rúas Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac. A conversión deste espazo nunha praza circular avanza a bo ritmo e tan só queda por substituír o pavimento nas esquinas de cada intersección.

O Concello calcula que restan aínda tres semanas de traballo para completar esta actuación, pero como o ámbito central xa está rematado abriron o paso por el aos peóns.

Nunha visita ás obras, o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, sinalou que os traballos finais "son moi complexos, case de marquetería" e realizaranse tratando de influír o menos posible nos comercios desa área.

Esta reforma, recoñeceu o edil, foi "moito máis complexa do esperado nun principio" porque pasou de ser unha obra de pavimentación a transformarse nunha rehabilitación integral desta zona, "que vai quedar xa lista para uns 25 ou 30 anos".

Tras detectarse dun pozo deteriorado na rede de saneamento que estaba a producir filtracións e deteriorando toda a área ao seu arredor, o Concello tomou a decisión de renovar a rede de saneamento, coa substitución de 42 metros de tubaxe nun novo trazado. 

A praza circular entre estas tres rúas funcionará como un espazo de estancia, de preferencia peonil e cun pavimento de formigón puído confinado entre bandas de pedra.