Este luns 7 de outubro, o Concello de Pontevedra abría o prazo de recepción de solicitudes para acceder a un posto de venda de flores na praza da Ferrería os días 30 e 31 de outubro, con motivo do Día de Todos os Santos.
O prazo para solicitar un posto no mercado de flores rematará este xoves 10 de outubro.
As persoas interesadas poderán pasar polas oficinas do Servizo de Educación e Promoción Económica, no edificio da Casa da Luz, na Praza da Verdura - 2ª planta, en horario de 10:00h a 12:00h, para escoller o posto.
O número de postos dispoñibles son 40 distribuídos da seguinte maneira: 8 postos de 2 metros cadrados, 14 postos de 4 metros cadrados, 6 postos de 6 metros cadrados, 7 postos de 8 metros cadrados, 5 postos de 10 metros cadrados.
Cada persoa poderá solicitar un só posto e deberá formalizar a súa escolla a través do rexistro municipal antes do 15 de outubro.
Para este trámite, haberá que presentar a seguinte documentación: abono da correspondente taxa por ocupación de vía pública polas persoas solicitantes, presentación da solicitude cuberta e do xustificante de pago da liquidación da taxa polo número de metros que ocupa.
MERCADIÑO RAFAEL ARESES
O Concello tamén acordou adiantar para este venres, 11 de outubro, o mercadiño da rúa Rafael Areses por coincidir o sábado, 12 de outubro, en festivo.