Tras varios atrasos nas datas previstas, por fin Pontevedra conta cunha nova rúa aberta ao tráfico para permeabilizar a mobilidade dunha das zonas de maior crecemento do sur da cidade, o ámbito entre Campolongo e a Avenida de Vigo.
O Concello recibiu este mércores este novo vial, que vai desde a rúa Luís Braille ata o barrio de San Brais e conecta logo coa rúa Urbano Lugrís. Faino atravesando os antigos terreos da ONCE, entidade que se encargou desta primeira fase de urbanización.
Esta nova conexión, segundo o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "osixena" toda esta zona da cidade "e ofrece unha continuidade viaria, de alta calidade urbana, con anchas beirarrúas, boa iluminación pública e mobiliario urbano".
O rexedor sostivo que a apertura desta rúa permite mellorar o acceso "tanto a pé como en coche" non só ao Centro Sur ou ao edificio da ONCE, senón tamén ao IES Torrente Ballester e ao aparcadoiro disuasorio que existe ao seu carón.
A rúa, polo momento, non ten nome. Será a comisión municipal de Cultura a encargada de bautizala tras estudar as posibles propostas que se fagan.
Estas deberán ter en conta os criterios marcados, tratando de incrementar o número de rúas con nomes de muller, dunha banda, e doutra, respectar a toponimia tradicional da zona.
Tras esta primeira fase de obras, que permitiu crear e urbanizar esta vía por 550.000 euros, acometerase unha segunda fase, que incluirá un vial perimetral nos antigos terreos da ONCE, que baixará ata María Victoria Moreno e tamén ata Luís Braille e Alfonso X.