Abre o prazo para presentar propostas para o concurso de ideas da Banda do Río

Bueu
20 de febreiro 2024

O certame permitirá deseñar as liñas de actuación no barrio cun especial fincapé nas políticas de accesibilidade e de mobilidade

O Concello de Bueu lanza o concurso de ideas da Banda do Río
O Concello de Bueu lanza o concurso de ideas da Banda do Río / Concello de Bueu

O Concello de Bueu lanza o concurso de ideas da Banda do Río, co que se pretende revitalizar e mellorar as condicións de vida neste barrio mariñeiro. 

Despois de varios anos de agarda e de superar diversos atrancos administrativos, e tras a aprobación das bases do certame por resolución da Alcaldía o pasado venres, este martes publicouse o anuncio na plataforma de licitación do sector público.

As empresas disporán de prazo ata o 20 de maio para enviar as súas propostas.

O concurso de ideas supón un paso importante para o Concello e recolle as múltiples sensibilidades do barrio, tal e como foran acordadas hai anos nas diversas mesas de seguimento coa Plataforma Veciñal da Banda do Río e a Asociación Veciñal da Banda do Río.

O Concello fixou unha nova reunión con estes colectivos para o próximo mércores 28 de febreiro, ás 19 horas, no salón de plenos. 

O certame permitirá contar con propostas para que este céntrico espazo se sitúe á vangarda no fomento de políticas de accesibilidade e de mobilidade.

Entre as principais liñas de actuación a ter en conta están a seguridade viaria, un mellor tratamento dos aparcadoiros, a renovación das edificacións, de servizos, de iluminación e tratamento do contacto coas vías e coa praia, entre outras propostas.

O concurso é posible grazas a un convenio asinado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e nel van poder participar equipos compostos por profesionais con competencias na materia de ordenación urbanística e medioambiental. 

O xurado estará composto por persoas vinculadas ao sector da arquitectura e da enxeñería, polo que se valorarán as propostas dende o punto de vista técnico. E o ámbito de localización comprende o cuadrilátero delimitado polas rúas Johan Carballeira, ata Can do Penedo, incluíndo ambos os lados da Avenida Montero Ríos e da rúa Pazos Fontenla, cunha superficie aproximada de 61.500 metros cadrados.

O Concello investirá 38.000 euros en premios, sendo a proposta gañadora a que se encargaría da redacción do proxecto e que se faría con 20.000 euros. O segundo premio estará dotado con 10.000 euros; e o terceiro, con 5.000. Ademais contémplanse dous accésits, cuxas contías serán de 2.000 euros e de 1.000 euros, respectivamente.

Unha vez elixida a proposta gañadora, nas bases tamén se establece que se adxudicará o plan director de intervención urbana, por un importe de 42.000 euros.