Abre o prazo para facer observacións sobre a localización e as características do novo aparcadoiro de Montecelo

Pontevedra
13 de agosto 2024

A Xunta somete a información pública o anteproxecto de concesión do aparcadoiro do Novo Montecelo que creará 892 prazas

Infografía do proxecto de aparcadoiro para o Hospital Montecelo
Infografía do proxecto de aparcadoiro para o Hospital Montecelo / Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste martes publica o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o anteproxecto de concesión de obra pública do aparcadoiro do Hospital Novo Montecelo, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo anteproxecto que permitirá a creación de 892 prazas.

O aparcadoiro desenvolverase no terreo da beirarrúa contraria da avenida Montecelo na vertente cara a ría de Pontevedra. 

O anteproxecto propón a realización de catro bandexas ou plataformas agrupadas de dúas en dúas, abertas e comunicadas entre si, que orixinan unhas circulacións en anel para resolver os desniveis mediante ramplas de conexión.  

Debido á lonxitude do novo hospital, realizaranse cinco núcleos de acceso peonil ás plantas do aparcadoiro desde o exterior. 

O anteproxecto prevé, polo tanto, a construción dun aparcadoiro subterráneo de catro plantas que arranca desde o nivel -1 ata o nivel -4, adaptándose á topografía do terreo en toda a fronte do hospital.

O prazo para presentar alegacións ao anteproxecto será dun mes.

Estímase que o investimento necesario para a construción do novo aparcadoiro sexa de 11 millóns de euros (IVE incluído), cun prazo de explotación previsto no contrato de 25 anos.

O goberno autonómico asegura que "para poder garantir a viabilidade da concesión coas tarifas establecidas, será necesario que a Xunta realice un esforzo económico adicional cunha achega inicial durante a fase de construción de 3.589.922 euros", esto supón un 37,96 % do investimento, e unha partida anual de 440.000 euros.

Actualmente, na primeira fase dos traballos, estase xa a executar un aparcadoiro na zona de urxencias de 128 prazas, manteranse 212 de dominio público no aparcadoiro en superficie existente, así como outras 49 ao longo da urbanización da contorna do hospital. Dese xeito, en total, haberá dispoñibles 1.281 prazas.

A infraestrutura sanitaria contempla tamén unha cafetería no novo edificio que ademais servirá de punto de conexión entre o antigo, o novo hospital e o aparcadoiro. 

Tanto a nova cafetería como o novo aparcadoiro de 892 prazas agárdase que entren en funcionamento a finais de 2026.

A Xunta tamén adiantou que "o aparcadoiro ofrecerá tarifas similares ás do Hospital Álvaro Cunqueiro, coa primeira media hora gratuíta".