Trala publicación este luns 21 das bases no Boletín Oficial da Provincia, mañá martes 22 ábrese o prazo de inscrición para os campamentos da Deputación no Centro de Vacacións da Lanzada.
"Depoaventura" volve neste 2022 despois de dous anos de parón pola pandemia cun total de 1.540 prazas adaptadas á nova realidade de prevención e mantemento das distancias e ás disposicións que as autoridades sanitarias diten no momento da súa celebración.
O programa está aberto a crianzas nadas entre os anos 2009 e 2014 empadroadas na provincia e do citado número total de prazas, 210 están reservadas a menores en situación ou risco de exclusión social e delas 25 a nenos do Centro Príncipe Felipe.
Os campamentos desenvolveranse entre o 26 de xuño e o 10 de setembro, distribuídos en 11 quendas de 140 prazas cada unha que, ao igual que en anos anteriores, serán adxudicadas por sorteo. Este sorteo rexerase por un algoritmo do programa informático e nel darase prioridade aos que obtiveran praza pero que non puideron asistir aos campamentos da última edición celebrada no verán do 2019.
No Centro de Vacacións da Lanzada os participantes poderán desfrutar dun amplo programa de actividades socioculturais, recreativas, formativas, medioambientais, científicas e de convivencia, algunha delas impartida en lingua inglesa, impartidas por un equipo técnico especializado en animación sociocultural e nas distintas iniciativas impartidas. Así mesmo, no caso de menores con necesidades especiais disporase do persoal de apoio necesario adaptado ás súas características.
As crianzas aloxaranse en tendas de campaña e participarán tamén en saídas educativas e de lecer. Amais, atoparán instalacións melloradas ao terse ampliado o comedor, realizado tarefas de acondicionamento no arborado e instalado novas tendas de campaña para cumprir coas distancias de seguridade estipuladas.
A partir deste martes 22 as persoas interesadas terán un prazo de 15 días hábiles para formalizar a inscrición, que preferentemente debe realizarse por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación e as solicitudes poderán ser individuais ou múltiples.
O prezo das 1.330 prazas que no están reservadas para crianzas en situación de vulnerabilidade é de 110 euros, 80 no caso de praza para menores de familia numerosa ou monoparental.