A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada delegada de igualdade, Isaura Abelairas, e pola presidenta do grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, inauguraron este mércores a Escola Pública Provincial de Igualdade María Vinyals, "un proxecto pioneiro e innovador que dá resposta ó firme compromiso da institución provincial para impulsar a igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes", salientou Silva.
A Escola María Vinyals está situada no Castelo de Soutomaior.
Preto de 200 persoas representantes da administración local, profesionais que traballan na loita contra a violencia de xénero, mulleres do campo do deporte e mulleres electas da provincia están a debater sobre políticas de igualdade.
Nesta xornada inaugural, a historiadora da Universidade de Santiago de Compostela, Silvia Cernadas, salientou a importancia do camiño aberto en prol da igualdade por parte de María Vinyals entre finais do século XIX e comezos do século XX. Asegurou que a coñecida como "marquesa roja", aínda é unha gran descoñecida, pero a súa loita e as súas firmes reivindicacións convértena tamén nunha das pioneiras do feminismo galego, xunto a outras mulleres galegas máis coñecidas como Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal. Fixo estas reflexións na conferencia inaugural da Escola de Igualdade María.
A segunda conferencia da xornada inaugural da Escola Pública Provincial de Igualdade María Vinyals correu a cargo da profesora de socioloxía de xénero da Universidade Rosa Cobo, moderada pola xornalista de Pontevedra Viva Marisa Ciordia Solana.
Rosa Cobo fixo un resumo da historia de máis de tres séculos do movemento feminista, facendo referencia ós textos fundacionais do mesmo e destacando que "a igualdade, este gran principio ético e político extraordinariamente civilizador, está na orixe de dúas ideoloxías emancipadoras como son a esquerda, poñendo de manifesto a xerarquía de clase, e o feminismo, visibilizando a xerarquía de xénero".
Pola súa banda, a filósofa feminista, Amelia Valcárcel, salientou que hoxe máis que nunca é necesario "sacar o feminismo das habitacións pequenas e levalo a lugares grandes e vistosos", xa que o feminismo nunca gozou nin antes nin agora de bo nome porque sempre é inconformista e sempre ten moita axenda de logros que cumprir.
Xa pola tarde a técnica e asesora en políticas de igualdade da Deputación de Barcelona centrou a súa exposición na “Violencia de xénero: novas realidades e vellos discursos” e subliñou que a lexitimación da violencia contra as mulleres sustenta o patriarcado e a orde social.