A Feira Franca xa está en marcha. Este venres abre a oficina da festa na súa situación habitual e o Consello Aberto xa acordou que a temática desta edición serán as lendas.
A oficina da Feira Franca abrirá no edificio municipal de Alfonso XIII (o antigo conservatorio). A oficina estará aberta de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres, ata o vindeiro 16 de xullo.
Como vén sendo habitual, esta oficina canalizará todas as peticións da hostalería para montar nas dúas xornadas da Feira Franca; dos particulares que queiran montar mesa para celebrar ceas e xantares no ámbito da Feira Franca e dos artesáns que desexen participar no mercado medieval.
Ademais, esta semana celebrouse o Consello Aberto da Feira Franca no que participan distintas asociacións e entidades do concello para facer balance da anterior edición e fixar a temática de cara á vindeira edición que será o 31 de agosto e 1 de setembro.
Nesta ocasión valoraron o éxito da anterior edición, especialmente no tocante ás actuacións e eventos organizados como o torneo medieval que se celebra na praza de Touros, e que todas as entidades acordaron manter de cara á vindeira edición, que terá como temática as lendas.