Un "abrazo de solidariedade" de ida e volta entre Cerponzóns e Valencia

Pontevedra
23 de decembro 2024
Actualizado: 8:45

A asociación de veciños O Chedeiro enviou unha carta a máis de 50 municipios afectados co obxectivo de "expresarlles o noso apoio moral" e moitas localidades agradecéronlles o xesto

Bombeiros pontevedreses colaborando en Valencia no dispositivo de axuda pola DANA
Bombeiros pontevedreses colaborando en Valencia no dispositivo de axuda pola DANA / Concello de Pontevedra

Desde Cerponzóns, en Pontevedra, saíu nos últimos días unha alta dose de agarimo e solidariedade. O destino: todas as localidades afectadas pola DANA en Valencia e ás de Alhaurín da Torre (Málaga), Mira (Cuenca) e Letur (Albacete).

A asociación de veciños O Chedeiro desta parroquia pontevedresa enviou unha carta a máis de cincuenta municipios afectados co obxectivo de "expresarlles noso máis sentido pésame, o noso apoio moral e o noso profundo agarimo nun momento tan difícil".

Segundo explica o secretario do colectivo, enviaron estas cartas coa intención de que os concellos afectados fagan chegar esta mensaxe aos seus veciños e veciñas, "para que saiban que, desde lugares afastados xeograficamente, tamén estamos ao seu lado en espírito e solidariedade".

Así, considera que este é un ano no que "debemos estar máis unidos que nunca" e que "o afecto, a comprensión e a empatía son fundamentais para superar a adversidade".

Carta de Cerponzóns a Valencia
Carta de Cerponzóns a Valencia

Nesa carta, que acompaña esta información, envían a súa "más sincero abrazo de solidariedade e cariñou a todas as persoas que están enfrontando momentos tan duros".

O seu contido tan sentido tivo xa resposta e desde a asociación sinalan que é "emocionante" que están a empezar a recibir respostas deses concellos, tanto escritas como por teléfono, agradecendo as súas palabras.

"Isto anima a seguir traballando por un futuro onde a solidariedade entre pobos sexa un valor constante", sinala a asociación.

Así, desde Godelleta, a súa alcaldesa, Amparo Pardo, agradécelles o seu "acto solidario" e engade: "A bondade das persoas non ten límite, e toda axuda é reconfortante. Grazas, de corazón".

Tambien desde Catarroja, a coordinadora de voluntariado dálles as grazas asegurando que "ler esta mensaxe inspira luz e alegría nestas datas nas que estamos".

Respostas desde Valencia a Cerponzóns
Respostas desde Valencia a Cerponzóns

Desde Alfafar, comprometéronse con eles a enviar esta carta a todo o concello e desde Turís déronlles as grazas por "acordarse das victimas , familiares e demás xentes da zona".

Tamén por teléfono chegáronlles agradecementos polo seu xesto dos concellos de Picassent, Carcaixent, Camporrobles, Guadassuar, Beniparrell, Benetússer ou Alfafar.