Abraldes presenta o proxecto da nova EDAR de Barro ante a directora de Augas de Galicia

Barro
21 de marzo 2023

O proxecto desta nova EDAR está previsto para que dea servizo a mil residentes de forma inmediata unha vez estea rematada a súa construción e terá unha capacidade para 3.500 persoas ampliable

Iván Bello, Xosé Manuel Fernández Abraldes, concelleiro e alcalde de Barro, conversan con Teresa Gutiérrez López, directora de Augas de Galicia
Iván Bello, Xosé Manuel Fernández Abraldes, concelleiro e alcalde de Barro, conversan con Teresa Gutiérrez López, directora de Augas de Galicia /

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, acompañado por Iván Bellón, concelleiro de Obras e Servizos, mantivo unha reunión coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez López, para presentarlle o proxecto para construír unha nova depuradora central e de todas as conducións e bombeos necesarios para a súa entrada en funcionamento.

O proxecto está previsto para servir a mil residentes de forma inmediata unha vez que finalice a construción. A capacidade é para 3.500 persoas sendo moi sinxelo ampliala ata as 4.500 se é preciso.

A Directora de Augas de Galicia, segundo o Concello, mostrou a súa conformidade coa redacción ao contemplar a súa entrada en funcionamento co maior número posible de residentes de maneira inmediata e, desta forma, lograr o maior rendemento ambiental e económico á infraestruturas.

O goberno municipal realizou un estudo para escoller a mellor localización da depuradora, despois procedeu a comprar a parcela e, xa por último, redactou o proxecto de construción.

Está pendente do informe de Medio Ambiente e o Concello xa iniciou a fase de procura de financiamento para un proxecto valorado en 2.665.915 euros.