Abi Castillo ilustra cunha muller madura que acolle novas xeracións os actos da Deputación para o 8M

Pontevedra
29 de febreiro 2024

Sandra Bastos, deputada de Igualdade, presentaba este xoves a programación que a institución provincial ten prevista para os vindeiros días con motivo do Día Internacional da Muller. "Queremos espallar o compromiso coa igualdade", explicou durante a súa intervención e evitou entrar na polémica pola supresión de catro relatoras no programa 'Aquí faltan páxinas', que amosaran o seu apoio a Ana Pontón nas eleccións autonómicas

Imaxe do 8M na Deputación co lema 'Seguimos con todas para todas'
Imaxe do 8M na Deputación co lema 'Seguimos con todas para todas'

A ilustradora e ceramista viguesaAbi Castillo é a encargada de ofrecer a imaxe institucional da Deputación de Pontevedra con motivo da programación de actos previstos para o 8M, Día Internacional das Mulleres.

O exterior do Pazo Provincial mostraba a ilustración que, segundo a artista, reflicte a unha muller empoderada, madura e con amplos brazos para acoller a xeracións presentes e futuras. Abi Castillo indicou que recentemente fora nai e a imaxe busca o referente dunha muller que recolle o reto de educar as fillas e fillos en igualdade achegando máis calidade de vida.

A deputada de Igualdade Sandra Bastos presentaba tamén este xoves o programa da Deputación Provincial para conmemorar o 8M baixo o lema 'Seguimos con todas para todas'. 

A representante do goberno provincial aseguraba que  "queda claro que o noso compromiso coa equidade de xénero e benestar das mulleres é irrenunciable" para engadir que "este goberno apostou, está a apostar e vai seguir apostando pola igualdade como un espazo amplo, cómplice e aberto a todas e a todos".

Bastos indicou que "sen igualdade real e efectiva de mulleres e homes non hai dereitos nin liberdades para ninguén" e anunciou que o 8 de marzo alumaranse con luz morada as sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo, cos paneis e lonas deseñados por Abi Castillo.

Desenvolverase un gran acto central no Pazo Provincial con Susana Pérez Iglesias, presidenta da Asociación de Empresarias de Galicia, encargada de ler o manifesto. O toque musical en acústico chegará da man do dúo musical Fillas de Cassandra.

Ademais, a institución provincial organiza oito actos destinados a mulleres da cultura que se inician este 29 de febreiro, co seminario 'Museos, feminismos, canon. Outras historias da arte' no Edificio Castelao do Museo.

Entre outros actos, o martes 5 de marzo, ás 19.00 horas presentarase o mural da artista Pilar Alonso no Centro Agarimo do Príncipe Felipe. Nesa mesma xornada inaugúrase unha mostra fotográfica no vestíbulo do Pazo Provincial con imaxes da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca Anmupesca, que se completa cunha xornada no salón de plenos sobre as organizacións de produción pesqueira.

O xoves, 7 de marzo, continúa o programa 'Aquí Faltan Páxinas' cunha charla sobre as leiteiras de Pontevedra, a cargo de Xiana Iglesias. Ese mesmo día, entre as 09.30 e as 14.00 horas, a politóloga Priscila Retamozo realizará un taller de sensibilización en igualdade na Escola de Enfermería.

Na xornada do 8M, Vagalume presentará o espectáculo 'Ausencias. Unha viaxe pola música en feminino' no Museo de Pontevedra.

Tamén está convocado o concurso escolar 'E ti, que pensas da igualdade?', dirixido a alumnado de primaria, educación especial e secundaria da provincia; ademais dun taller de sensibilización en igualdade no Centro Penal da Lama.

A ciencia e a investigación tamén terá protagonismo con dúas charlas coloquio e dúas mesas redondas, os días 14 e 21 de marzo, e o 4 e 11 de abril. Nelas abordarase a investigación no exterior, as vocacións femininas, o emprendemento e os teitos de cristal.

A estas accións súmase a celebración do encontro 'As mulleres que opinan son perigosas'os días 15 e 16 de marzo e o xoves 21 pecharanse as accións cun novo coloquio de 'Aquí Faltan Páxinas', centrado na figura de Inmaculada Paz Andrade, coa intervención de Xoana Pintos.

Sobre as acusacións de censura ao goberno da Deputación expostas por catro conferenciantes, que manifestaron o seu apoio a Ana Pontón (BNG) na campaña electoral, ao ser retiradas da programación de 'Aquí Faltan Páxinas', Sandra Bastos limitouse a explicar que "o noso compromiso é total".

"Nós o que fixemos non foi eliminar senón continuar con programas que estaban funcionando ben, dando entrada a novas ponentes e novos espazos como as anónimas que non existían e a espallalo por toda a provincia para que non só quedara por Vigo e Pontevedra. Continuamos cos programas. Non eliminamos ningún programa", sentenciou.

Arquivado en