A ampliación do abastecemento e saneamento en Bon de Abaixo custará máis de 454.000 euros

Bueu
15 de marzo 2025

O proxecto conta cun orzamento base de máis de 450.000 euros financiados, polo Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra

Bon de Abaixo, en Beluso
Bon de Abaixo, en Beluso

O Concello de Bueu abriu o prazo de licitación para a ampliación das redes de abastecemento e saneamento na zona de Bon de Abaixo, na parroquia de Beluso.

O anuncio, publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público, establece que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas até o 2 de abril.

O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 454.150,53 euros (IVE incluído), financiado polo Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.

Ten como obxectivo dotar de servizos básicos a unha parte das vivendas da zona, solucionando un problema que afecta os veciños desde hai anos.

Actualmente, a veciñanza depende de fosas sépticas e pozos, por iso queren instalar unha rede de colectores por gravidade para a recollida de verteduras, que serán impulsados até o pozo de bombeo de Montemogos (EBAR Covelo).

Serán en total 966 metros de colector de saneamento de PVC, 38 pozos de rexistro e 15 acometidas domiciliarias por gravidade.

A tubaxe de abastecemento, de polietileno, instalarana na mesma gabia que o colector de saneamento, conectándose á rede existente na estrada EP-1308. Tamén colocarán 1.656 metros de tubaxe, 3 arquetas, 6 válvulas, unha boca de arroio e 35 acometidas domiciliarias.

A actuación terá unha duración de cinco meses e supón, para o goberno local, "un paso fundamental" para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Bon de Abaixo.