Aberto o proceso para contratar a nova folla de ruta turística da provincia

Pontevedra
06 de decembro 2023

As empresas poderán presentar ata o luns, 11 de decembro, as ofertas para optar á redacción deste plan que, cun orzamento de 75.000 euros e un prazo máximo de seis meses, permitirá avanzar na consolidación da provincia como Destino Turístico Intelixente

Camiño de Armenteira
Camiño de Armenteira

A Deputación de Pontevedra ten aberto o proceso para a contratación do novo Plan Estratéxico de Turismo que rexerá as liñas mestras de actuación no destino Rías Baixas no horizonte temporal 2024-2027. 

O documento, para cuxa elaboración a institución provincial reserva 75.000 euros, pretende situar aos concellos da provincia como protagonistas da estratexia de promoción turística e afondar na consolidación de Pontevedra como Destino Turístico Intelixente (DTI). 

As empresas terán ata o luns 11 de decembro para presentar as súas ofertas e optar, así, á elaboración deste plan no que todos os axentes turísticos da provincia serán parte activa.

Dende o Goberno provincial sinalan que a nova folla de ruta turística da Deputación partirá da base da innovación para adecuarse ás demandas das persoas viaxeiras do século XXI, "máis activas, prescritoras e ávidas por vivir experiencias únicas e descubrir lugares onde coñecer as raíces da sociedade local"

Por iso, o documento deberá ter en conta o traballo de Turismo Rías Baixas para potenciar os seus atributos e recursos, situando a provincia como un territorio cunha identidade propia e unha autenticidade moi demandadas polos turistas. Ademais, tamén partirá da premisa de que o público está cada vez máis informado e é máis esixente e especializado, así como da alta competitividade e aparición de novos destinos.

A empresa que resulte adxudicataria terá un máximo de seis meses para a elaboración do documento, que comprenderá a planificación, a elaboración e a redacción das tarefas e actividades imprescindibles para o Plan Estratéxico de Turismo 2024-2027. Na liña do seu axuste ás normas que rexen os destinos turísticos intelixentes, deberá ter en conta os cinco eixos fundamentais nos que estes se sustentan: gobernanza, innovación, tecnoloxía, accesibilidade universal e sostibilidade.

Deste xeito o documento deberá comezar cunha análise estratéxica do destino, onde se recollerán as súas características, recursos de primeira orde, análise da oferta e demanda, así como as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades do destino. Continuará cun diagnóstico de cara á formulación estratéxica e recollerá os alicerces sobre os que se sustentará a estratexia do destino Rías Baixas, definindo metas alcanzables e un sistema de xestión. Finalmente, o Plan Estratéxico de Turismo incluirá un plan de acción para os seus anos de vixencia, un mapa de riscos e oportunidades, un cadro de mando, un cronograma e, entre outras cuestións, unha proposta de contidos para o plan de comunicación.