O Concello de Bueu informa de que xa está aberta a inscrición para a obtención do permiso municipal de condución de taxis no municipio (licenzas de auto-taxi) para o ano 2024.
As bases, que se atopan publicadas na web municipal e no taboleiro de anuncios, establecen de prazo de inscrición ata o 4 de marzo.
As persoas aspirantes deberán cumprir unha serie de requisitos, como ter cumpridos os 18 anos e non exceder a idade legal de xubilación, acharse en posesión do permiso de condución de clase B ou superior, ningunha enfermidade infecto-contaxiosa ou impedimento físico ou psíquico que imposibilite o exercicio da profesión, e non atoparse inhabilitada para a profesión de taxista por sanción administrativa ou sentenza xudicial firme.
Rematado o período de inscrición, publicarase unha listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas e, posteriormente, outra definitiva, que dará paso a unha proba de capacitación.
A proba consistirá nun exercicio de 30 preguntas tipo test onde se evaluarán os coñecementos sobre o termo municipal de Bueu e os seus arredores; Lei de seguridade vial, da ordenanza municipal reguladora do servizo de taxi; normas relativas ao servizo, réxime e aplicación das tarifas de taxi; como atender debidamente ás persoas usuarias, en especial a aquelas con limitacións; básico de primeiros auxilios; lingua galega; e cuestións contables e fiscais básicas arredor da actividade do transporte de persoas viaxeiras en vehículos de turismo.