As empresas interesadas en facerse co contrato para o acondicionamento de local e mellora da seguridade da Vía Mariana, en Cerdedo-Cotobade, poderán presentar as súas ofertas ata o 10 de agosto.
Así o lembrou este martes o Concello de Cerdedo-Cotobade, que sinala que o orzamento inicial é de 69.677,20 euros.
O obxecto desta actuación céntrase na creación dun albergue para 8 peregrinos da Vía Mariana no local municipal existente na área recreativa xunto á praia fluvial da Chan de Carballedo co fin de favorecer a revitalización desta ruta e axudar a seguir dinamizando economicamente o municipio a través do turismo.
O Concello indica que nos últimos tempos detectaron un "enorme interese" entre os visitantes pola Vía Mariana e o Roteiro de Taverneiro que descorren polas parroquias de Aguasantas, Valongo, Loureiro, Carballedo, Santa María de Sacos e San Xurxo de Sacos, antes de entrar en Campo Lameiro.
O equipo de goberno ten previsto manter varias xuntanzas coas comunidades de montes para lograr a súa colaboración á hora de acondicionar sendeiros e facer labores de roza e mantemento de espazos por onde transita a propia Vía Mariana.
O alcalde, Jorge Cubela, mantén que a Vía Mariana supón "unha oportunidade a curto e medio prazo" para seguir potenciando a oferta turística do concello.
Cubela manifestou o seu desexo de converter Cerdedo- Cotobade "no municipio da contorna máis dinámico" desde o punto da promoción turística. Sinala que ten no patrimonio histórico, natural e paisaxístico "as súas principais bazas e elementos" para competir e atraer visitantes para desenvolver o turismo, axudar os negocios locais e ser punta de lanza na comarca no turismo verde, familiar e sostible.